luns, 30 de setembro de 2013

O VERÍN CF VENCE E CONVENCE.

Crónica VERÍN CF 2 (Eloy e Quini Cotarelo) - CD RAMIRÁS 0.
5ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).

Gran partido do Verín CF, que superou con goles de Eloy e Quini Cotarelo a un CD Ramirás que só aguantou o empate inicial durante o primeiro periodo, e apenas inquietou a meta de Piollo.



FICHA TÉCNICA

Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote, Xurxo, David Ginzo, Padín, Iago Garrido (Luis Vilachá, min. 26), Pablo García (Mario, min. 77), Hugo, Eloy, David Lopezosa (Édgar, min. 89) e Quini Cotarelo (Jorge, min. 90).


Polo CD Ramirás xogaron Kevin, Cristian, Luis (Mauro, min. 69), Jairo (Carmelo, min. 75), Sierra, Alonso, Chechu (Ndiaga, min. 53), Germán, Jacobo, Iván e Alberto (Hugo, min. 61).


Arbitrou Juan Carlos García Domínguez, auxiliado por Juan Alberto Vázquez Martínez e Jorge Meno Garrido. Amosou cartón amarelo a Padín e Eloy, e máis ó axudante técnico Abel Afonso Cao (Verín CF) e a Jairo, Cristian, Luis, Alonso, Chechu, Germán, Alberto e Hugo (CD Ramirás).


Entrada aceptable no Arjiz tendo en conta as circunstancias meteorolóxicas: o terreo de xogo aguantou ben a choiva caída nos últimos días.

CRÓNICA


A eficacia contada en puntos segue sendo a mesma, pero é evidente que o Verín CF comeza carburar máis e mellor, pois non deu opción a un rival coma o CD Ramirás, empequenecido polo bo facer dos de Iván González. A baixa de última hora de Adrián Iglesias propiciou que fose Quini o home máis adiantado, e o artilleiro aproveitou a circunstancia para dar un auténtico recital, cun xogo primoroso que foi recompensado polo gol que sentenciou o partido. Pero máis aló de actuacións individuais, o Verín CF crece coma conxunto. Onte, coma sempre, saiu decidido na procura do primeiro gol, pero os de Ramirás contiveron o arreón inicial. A tempraneira lesión de Iago Garrido obrigou a Iván González a facer o seu primeiro cambio, replantexando a disposición táctica dos seus xogadores. O recén entrado no campo Luis Vilachá asumiu a posición de pivote, e o equipo notou o seu toque na medular. Mais, pese a que o tentaba o Verín CF, especialmente por banda dereita coas subidas de Cote, o equipo visitante conseguía desarticular as combinacións dos locais, cunha presión intensa e abundantes faltas. Faltaba unha pisca de intensidade nas xogadas de ataque verinenses, e foi tralo descanso, no minuto 46, cando Eloy, o xogador probablemente máis querido por Iván González polas moitas posicións que pode desempeñar no campo, inaugurou o marcador cun espléndido zurdazo dende fóra da área. O camiño da victoria xa estaba franco: o CD Ramirás non tivo poder de reacción e co paso dos minutos a súa impotencia transformouse nun orballo de amonestacións en forma de cartón amarelo. Cun Vilachá intachable coma director de orquestra, por dúas veces a conexión Hugo-Pablo García puido significar o segundo tanto. Pero este segundo gol estaba destinado a Quini Cotarelo, que no 89 culminaba unha rápida contra dirixida por el mesmo cun auténtico golazo, o primeiro coa camisola verinense.


Terminou sen maiores agobios o partido, coas mellores sensacións ademáis: os verinenses están a amosar unha notable progresión física, técnica e táctica que permite mirar con optimismo os vindeiros compromisos ante os -a priori- mellores rivais da categoría.


Ningún comentario:

Publicar un comentario