luns, 23 de setembro de 2013

O VERÍN CF CUMPRE OS PRONÓSTICOS E VENCE EN ARRABALDO.


Crónica SDC ARRABALDO 0 - VERÍN CF 3 (Adrián Iglesias, Hugo e David Lopezosa).

4ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).
Con goles de Adrián Iglesias, Hugo e David Lopezosa, o Verín CF levou os tres puntos en xogo ante unha voluntariosa SDC Arrabaldo. Os de Iván González impuxeron a súa calidade e mesmo se permitiron errar dous penaltis. O Verín CF segue nos primeiros postos da táboa.

FICHA TÉCNICA


Pola SDC Arrabaldo xogaron Marcos, Carlos (Javi, min. 74), Brais, Pika, Pablo, Héctor, Óscar, Gustavo (Víctor, min. 80), Nóvoa, Hugo González e Bruno (David, min. 62).


Polo Verín CF xogaron Jorge, Cote, Xurxo, David Ginzo, Padín, Iago Garrido, Luis Vilachá, Hugo, Quini Cotarelo (David Lopezosa, min. 65), Unai (Eloy, min. 55) e Adrián Iglesias (Suso, min. 87).


Arbitrou Iago Grande García, auxiliado por Cristina Prado Vázquez e Abel Moure Álvarez. Amosou cartón amarelo a Xurxo, David Ginzo e Adrián Iglesias (Verín CF) e a Óscar, David e Nóvoa, que foi expulsado, igual que o adestrador local Diego Suances.


Entrada moi frouxa no campo do Seixo, propia dun domingo de verán.

CRÓNICA


A SDC Arrabaldo, último clasificado sen estrear o seu casilleiro de goles e puntos, presentábase coma un rival asequible, e os verinenses, que en teoría xogan noutra liga, amosaron na práctica a súa superioridade. O intenso inicio do Verín CF propiciou un tempraneiro gol de Adrián Iglesias, tras unha contra dirixida por Hugo, que rachou o partido ás primeiras de cambio. Era o minuto 9 e, coa SDC Arrabaldo desorientada, no minuto 14 Unai provocou un penalti que foi errado por Quini Cotarelo. Semellou dar ánimos ó rival esa circunstancia, porque dunha posible goleada a domicilio pasouse a un partido de máis traballo e equilibrio. Sen xogo fluido por parte de ningún dos dous combatentes, só nos minutos 25 e 26 ámbolos dous equipos disfrutaron de sendas ocasións para marcar, pero o partido volveu diluirse baixo a intensa calor reinante.
 

Tralo descanso, saiu o Verín CF impetuoso co propósito de despachar o partido, e Adrián Iglesias puido facer o segundo tras gran centro de Unai, que pouco despois tería que retirarse do campo, renqueante do seu nocelo. Do paso dos minutos e do consecuente cansancio dos xogadores tirou máis rédito o Verín CF, que puido impor de xeito máis claro a súa calidade individual. No minuto 63 Marcos detivo unha chilena de Quini Cotarelo, que procuraba resarcirse do seu penalti errado. Pouco despois, no 73, era Eloy o que dispuña doutra clara ocasión, pero a vaselina fóiselle fóra. Non chegaba a sentencia, pero tampouco os azulóns eran quen de chegar con perigo á meta de Jorge. Finalmente, os últimos dez minutos de partido foron definitivos: no 84 a SDC Arrabaldo quedaba con dez trala expulsión de Nóvoa, e no 86 Hugo aproveitaba unha perda de balón no lateral para pór o balón na escadra de Marcos cun toque delicado pero mortal. Finalmente, outro penalti sinalado polo árbitro deixaba franca a sentencia; esta vez foi Luis Vilachá o que errou a pena máxima pero David Lopezosa, atento, remachou á rede subindo ó marcador o definitivo 0-3. 

Acabou o partido e o Verín CF volveu con tres puntos máis na súa saca particular e suma xa dez de doce posibles. Na vindeira xornada visita o Arjiz o CD Ramiráns, antesala dun mes de outubro que, con enfrontamentos coa UP Taboadela, CD Arenteiro e Ponte Ourense CF, promete ser clave no devenir próximo da competición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario