domingo, 22 de decembro de 2013

O VERÍN ROMPE O MALEFICIO DAS EIROÁS (0-3)




Crónica AD COVADONGA 0 - VERÍN CF 3 (Iago Garrido, e Quini Cotarelo –dous-). 
17ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


Nun escenario, o campo das Eiroás, tremendamente complicado polas minimalistas dimensións do terreo de xogo, o Verín CF, nun partido moi serio, adaptouse o guion que lle esixían o campo, o partido e o rival, e gañou cun contundente 0-3 á AD Covadonga, o que lle permite pechar a primeira volta con tódalas as súas opcións de ascenso intactas.


FICHA TÉCNICA

Pola AD Covadonga xogaron Suso (Sotelo, min. 53), Jorge (Juan Carlos, min. 65), Óscar Gil, Fran Rodríguez, Mauro Outeiriño, Jhon, Mimi (Alfonso Calvo, min. 14), Zurdo Muñoz, Sanginés, Toni Carballo e Miguel Nogueira (Chanel, min. 72).

Polo Verín CF xogaron Jorge, Pablo Roca, Xurxo, David Ginzo, Mario, Iago Garrido, Padín (Diego Soto, min. 59), Luis Vilachá (Dani Capelas, min. 71), Pablo García (Eloy, min. 47), Quini Cotarelo e Fran Martínez (Cote, min. 78). 

Arbitrou Jonathan Diéguez Novoa, auxiliado nas bandas por Daniel Matías Gómez e Renny Mazaira Rodríguez. Amonestou con cartón amarelo, da AD Covadonga, a Alfonso Calvo, Mauro Outeiriño e Miguel Nogueira, e do Verín CF, a Quini, Pablo Roca, Xurxo, Eloy e Cote.

CRÓNICA

Chegaba a este partido a AD Covadonga cunhas estatísticas asombrosas, pois o equipo ourensán marcara –ata onte- tres goles de media por partido coma local. O das Eiroás é un campo curto e moi estreito, condicións que facilitan a presión e o xogo físico e directo, no que calquer balón longo é media ocasión de gol. O Verín CF adaptouse perfectamente ás circunstancias, e aparcou o fútbol de salón para vestir o mono de traballo. Daí a decisión de Iván González de contar co plus de potencia de Pablo Roca no lateral dereito, ou de Padín na medular. O inicio dos verinenses foi bo, lucindo o músculo necesario que esixía o partido, expeditivos en defensa e buscando en ataque as bandas para sorprender ó rival. As primeiras oportunidades chegaron do bando visitante, mais nun campo de tan reducidas dimensións, a AD Covadonga tamén ía ter inevitablemente as súas ocasións, e no minuto 25 tivo a mellor, tras un rexeite dun libre directo executado por Óscar Gil, que sacou Jorge con apuros cando os siareiros locais xa cantaban gol.  Despois deste susto, continuou o fútbol, bastante deslucido, mais cando xa expiraba o primeiro tempo, a bota de Luis Vilachá puxo dous balóns magníficos en dúas xogadas a balón parado case consecutivas: na primeira, un libre indirecto, Fran rematou de cabeza alto; na segunda, un córner, o testarazo de Iago Garrido perforou a meta de Suso.

Na segunda metade, a AD Covadonga tentou equilibrar a balanza, pero o seu arreón inicial non tivo froito, gracias tamén a un Jorge moi seguro nos balóns aéreos. Co paso dos minutos o equipo ourensán foi diluíndose na súa propia anarquía, e a maior calidade dos visitantes foi máis evidente. A entrada de Eloy por Pablo García (min. 47) e de Diego Soto por Padín (min. 59) deulle ó Verín CF máis control do xogo, labor no que foi fundamental tamén Quini, que daba unha clase maxistral de coma aguantar o balón na liña de tres cuartos. El e Fran Martínez fabricaron unha asociación que foi definitivamente letal para os locais: no minuto 65 unha combinación entre ambos deixou só a Quini Cotarelo ante o porteiro, a quen batiu con sangue frío. Co 0-2 a AD Covadonga, impotente, perdeu a fe nos seus propios argumentos futbolísticos, e así, no minuto 85 novamente Quini Cotarelo puxo a puntiña ós ourensáns ó subir ó marcador o definitivo 0-3, xusto premio para un equipo que conxugou nas Eiroás seriedade e eficacia, e que despide 2013 cun excelente sabor de boca.

luns, 16 de decembro de 2013

O VERÍN CF SACA TRES DIFÍCILES PUNTOS NUN EMOCIONANTE DUELO DE COLOSOS.



Crónica VERÍN CF 3 (Fran Martínez, Pablo García e Dani Capelas) – SD NOGUEIRA DE RAMUÍN 1 (Peru).
16ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


Impresionante o espectáculo visto onte no Arjiz. Os afecionados disfrutaron dun partido competido e emocionante que finalmente se resolveu a prol do Verín CF, non sen sin sufrimento, porque ós tantos de Fran Martínez e Pablo García se sobrepuxo a SD Nogueira con raza, pese a quedar con dez xogadores. Finalmente nunha contra os verinenses sentenciaron o encontro e levaron tres puntos de ouro.

FICHA TÉCNICA

Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote (Pablo Roca, min. 68), Xurxo, David Ginzo, Mario, Iago Garrido (Dani Capelas, min. 89), Luis Vilachá, Eloy (Hugo, min. 57), Pablo García, Quini Cotarelo e Fran Martínez (Diego Soto, min. 75). 

Pola SD Nogueira de Ramuín xogaron Borja, Peru, Chapi (Álvaro Selas, min. 75), Thomas Kinsella (Patas, min. 32), Oli, Bruno, Roberto (Lobo, min. 84), Guille, Cani (Petrovich, min. 66), Meleiro e Pablo Lorente.

Arbitrou Iván González Campos, auxiliado nas bandas por Iago Sumavielle Rodríguez e Jose Antonio González Fernández. Amonestou con cartón, do Verín CF, a Hugo e David Ginzo, e a Chapi, Peru e Oli. O visitante Guille foi expulsado no minuto 63 con vermella directa.

CRÓNICA

Non defraudou o partido entre dous dos mellores equipos da categoría. Saíron ámbolos dous conxuntos con moito respeto mutuo, e comezou librarse unha interesante batalla no medio do campo, que os verinenses gañaban ós puntos, especialmente gracias ó labor dun gran Iago Garrido. Mais a SD Nogueira de Ramuín, chegado o cuarto de hora de xogo, disfrutou dunha gran ocasión tras gañar o exverinense Oli –hipermotivado durante os 90 minutos- liña de fondo e pasar atrás cara Meleiro, pero o seu disparo foi sacado con apuros por Piollo. Os de Iván González repuxéronse do susto, e pouco a pouco, especialmente por banda dereita, atoparon fisuras no plantexamento visitante. No minuto 22 Quini Cotarelo tivo a primeira boa ocasión local tras un saque de falta botado por Cote, pero o seu remate foi atallado por Borja. E no 30 o Verín CF inaugurou o marcador: Pablo García serviu á área para que Fran Martínez, libre de marca, cabeceara con mestría á rede.

Co 1-0 chegouse ó descanso, e a SD Nogueira deixou en vestiarios o seu certo conservadurismo da primeira parte para comezar amosar as súas mellores cualidades futbolísticas coma equipo. O Verín CF, aínda así, non pasou por excesivos apuros, e seguro en defensa, buscou un xogo máis directo que explotara os espazos na zaga dos afiadores. No 63 Guille deixou con dez ó seu equipo, e para colmo de males para os visitantes, só dous minutos máis tarde os verinenses aproveitaron a súa superioridade numérica para facer o 2-0. Nesta ocasión intercambiáronse os papeis Pablo García e Fran Martínez, e foi o segundo quen serviu un gran balón que o primeiro enganchou cunha semivolea espectacular que levantou ós espectadores dos seus asentos. Semellaba despachado o partido, pero a SD Nogueira apretou os dentes e fixo da necesidade a súa mellor virtude. Refrescou o seu medio do campo coa entrada de Petrovic –tamén de pasado verinense- e botouse para adiante sen complexos, cunha intensidade que tivo premio no minuto 75, ó resolver Peru un barullo na área tras unha falta lateral botada por Bruno.  Sacou ó campo Iván González a Diego Soto en substitución de Fran Martínez, para fortalecer o medio do campo, mais os visitantes non cesaron no seu empeño. A tensión do último cuarto de hora foi memorable, cunha SD Nogueira  volcada, aproveitando calquer oportunidade para meter o balón na área de Piollo. Finalmente, a incerteza no marcador acabou no minuto 89 cun contrataque explosivo de Pablo García –interviu onte nos tres goles do Verín CF- que culminou a porta vacía o recén entrado Dani Capelas. Os siareiros festexaron entre xubilosos e aliviados o gol do seu equipo, que sentenciaba un partido de fútbol enorme, dos que fan verdadeira afeción.

luns, 9 de decembro de 2013

O VERÍN CF VOLVE DE VACÍO DE SAN CIBRAO.

Crónica CD POLÍGONO 3 (Pato, Diego Viana e Choupas) - VERÍN CF 1 (Fran Martínez).
15ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).
 

Caeu 3-1 o Verín CF en San Cibrao. Os homes de Iván González, tras unha boa primeira parte, acabaron claudicando ante a intensidade dun CD Polígono que tivo a fortuna do seu lado para marcar nos momentos decisivos do partido.

FICHA TÉCNICA

Polo CD Polígono xogaron Alberto Outeiriño, Saúl Quintairos, Toni Cumbrado, Choupas (Losada, min. 85), Héctor Outeiriño (Rubén Villamarín, min. 55), Pato (Ángel Pérez, min. 62), Yago González, Diego Viana (Alexander Sueiro, min. 68), Varandela (Babarro, min. 72), Hurtado e Dani Álvarez.

Polo Verín CF xogaron Jorge, Cote (Pablo Roca, min. 58), Xurxo, Luis Vilachá (Dani Capelas, min. 85), Padín (David Ginzo, min. 58), Iago Garrido, Pablo García, Mario, Hugo (Miguel Rivera, min. 68), Fran Martínez e Quini Cotarelo.

Arbitrou Gerardo García Iglesias, auxiliado por Carlos Rodríguez Fernández e Iván Gómez Míguez. Amonestou con cartón, do CD Polígono, a Paredes e a Alexander Sueiro, e do Verín CF, a Mario, Pablo García, Dani Capelas e David Ginzo. Expulsou por dobre amarela a Iván González e ó seu axudante Abel Afonso, por protestar.

Nos prolegómenos do encontro gardouse un minuto de silencio polo falecemento do avó de Luis Vilachá.

CRÓNICA

Non puido o Verín CF co CD Polígono. O equipo de Iván González xogou unha boa primeira parte, levando a iniciativa e asustando a parroquia industrial xa dende o inicio, despois de marcar Xurxo no minuto 8 de cabeza  un tanto que o colexiado anulou por fóra de xogo. Só dous minutos máis tarde, unha conducción de Pablo García ata liña de fondo foi finalizada por Fran Martínez cun taconazo de gran clase que se estrelou no pao. O CD Polígono entonouse entón, e tivo Pato unha boa oportunidade de gol, enviando por riba do longueiro de Jorge. Mais o control do xogo seguía a pertencer ós verinenses, que no minuto 27 terían outra ocasión moi clara, por mediación novamente de Fran Martínez, a quen o central Toni Cumbrado quitoulle na liña de meta outro gol cantado. Finalizou o primeiro periodo con táboas no marcador, e q quen mellor lle sentou o descanso foi ó equipo industrial, que perdeu tódolos complexos e gañou en intensidade defensiva e en intención ofensiva, tentando buscar mediante balóns longos as espaldas dos defensas verinenses. No minuto 55 caeulle un rexeite a Varandela, que disparou ben dende a frontal; acertou a despexar Jorge pero Pato remachou a gol. Poñíanse por diante os locais na súa primeira chegada da segunda parte, e sen tempo apenas para a reacción, marcaban no 59 o segundo, de penalty, tras sinalar pena máxima o colexiado ó apreciar man de Xurxo na área, que caera no chan o querer controlar o balón. Protestaron inútilmente os visitantes, e dende os once metros non perdonou Diego Viana, que puxo o 2-0 no marcador.

Co equipo noqueado con estes dous goles tan seguidos coma inesperados, tocou Iván González zafarrancho de remontada, e tras meter no campo a David Ginzo por Padín e a Pablo Roca por Cote, propuxo unha defensa de tres, adiantando a posición de Vilachá, que xogara ata ese momento coma defensa central. Non obstante, o Verín CF, que comezou notar o cansancio do partido de Copa do venres, non atopou o camiño do gol, e só puido inquedar a balón parado a un CD Polígono ben plantado no campo, moi poderoso físicamente, e que administrou con oficio a renda acadada. Finalmente, no minuto 80 Choupas culminou unha contra e puxo o 3-0 no marcador, un resultado doloroso que maquillaría Fran Martínez no 85, ó transformar un penalty de Alex Sueiro sobre Dani Capelas. 

Co 3-1 final, e co resto de marcadores da xornada, os verinenses baixan un posto na táboa clasificatoria e quedan agora a cinco puntos dos colíderes CD Arenteiro e UP Taboadela. Cobra agora unha importancia capital o vindeiro partido no Arjiz, contra un rival de campaíñas: a SD Nogueira de Ramuín.

luns, 2 de decembro de 2013

O VERÍN CF ALONXA Á UDC BARBADÁS B DA CARREIRA DO ASCENSO (3-0)



Crónica VERÍN CF 3 (Xurxo e Quini Cotarelo –dous-) – UDC BARBADÁS B 0.
14ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).



Sólido e por moitos momentos brilante, xogou onte o Verín CF un dos seus mellores partidos da temporada e impúxose claramente a unha UDC Barbadás B que perde comba no pelotón de aspirantes ó ascenso.

FICHA TÉCNICA


Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote, Xurxo, Luis Vilachá, Mario, Iago Garrido, Dani Capelas (Diego Soto, min. 46), Eloy (Padín, min. 82), Hugo (Miguel Rivera, min. 75), Quini Cotarelo e Fran Martínez (Saúl Arias, min. 80).


Pola UDC Barbadás xogaron Marcio (Lombardero, min. 87), Javi Quevedo (Calviño, min. 46), Marcos Vilachá, Sergio Nogueiras, Quintairos (Bolaño, min. 61), Rubén Cuquejo, Juan Suárez, Noel García (Juan Bello, min. 37), Jony, Josiño e Luis Outomuro (Noel Sueiro, min. 53).


Arbitrou Rubén Castro, auxiliado por Santiago Cilleiros e José Manuel Pérez Argos. Amonestou con cartón, do Verín CF, a Iago Garrido, Cote e Eloy, e da UDC Barbadás B, a Quintairos e Sergio Nogueiras.

CRÓNICA


Saltou a UDC Barbadás ó Arjiz co obxectivo de cortar dunha vez a súa mala racha –ata onte tres derrotas consecutivas tralo seu espectacular comezo de liga- mais, despois duns minutos iniciais de tanteo mutuo, foron os verinenses os que tomaron a iniciativa, especialmente por banda esquerda, na que aparecían Mario, Eloy e tamén Fran Martínez dende a súa posición de nove, logrando sempre unha superioridade que se traducía en boas aproximacións a área. Non obstante, pese as ocasións de Hugo, Quini e o propio Fran, pasaba o tempo sen que o marcador reflectise a superioridade local. No minuto 23 a UDC Barbadás B tivo unha boa oportunidade, cun tiro lonxano de Josiño, que despexou ben a córner Piollo. Mais os barbadenses, moi incómodos ante a boa presión local no centro do campo, non tiñan argumentos suficientes para contrarrestar o xogo do Verín CF, que seguiu xerando ocasións ata que no minuto 37, á saída dun córner, Xurxo, de cabeza, firmou o primeiro tanto. Coa recompensa do gol, os verinenses levantaron o pé do acelerador e chegouse ó descanso cun escueto 1-0, curto para os méritos de ámbolos dous equipos.
 

Tentou Alberto Ecay –exxogador do Verín CF, por certo- solucionar os problemas do seu equipo, e deu entrada a Calviño por Javi Quevedo, e pouco máis tarde a Sueiro por Luis Outomuro, pero a UDC Barbadás seguiu sendo demasiado plano, e pagou con creces o paso adiante que deu una segunda parte, porque Fran Martínez, con máis espazos, convertiuse nun pesadelo para os azulóns. Foi el quen, no minuto 57, puxo un gran balón interior que Quini rematou á rede. O mesmo Quini no 68 aproveitaba unha indecisión da defensa barbadense para facer o terceiro, que finiquitou o partido ante a algarabía dos siareiros locais. A partir de aí, vinte minutos plácidos que non tiveron máis historia que o retorno de Padín trala súa operación de menisco, e a retirada con molestias de Diego Soto, que entrara por Dani Capelas ó principio da segunda parte para ter minutos cos que avanzar na súa progresión física. Final do partido, e satisfacción total na afeción e nos xogadores tanto polo resultado, que deixa os verinenses a só dous puntos do ascenso directo, coma polo xogo, que invita ó maior dos optimismos

luns, 25 de novembro de 2013

O VERÍN CF FIRMA UNHA SENSACIONAL GOLEADA EN BARBANTES

Crónica S.AT. BARBANTES 1 (Bulicas) - VERÍN CF 6 (Fran Martínez, Xurxo, Quini (2), Eloy e Pablo García).
12ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).





O Verín CF foi un furacán onte en Barbantes: o equipo de Iván González non tivo piedade e probablemente no seu mellor partido da temporada pasou por riba dunha Sociedade Atlética que pagou os pratos rotos das decepcións das últimas dúas xornadas.

FICHA TÉCNICA


Pola S. At. Barbantes xogaron Heri, Rocky, Javi González, Diego Viñas, Saavedra, Pablo Lorenzo, Mellado (Mouco, min. 83), Gallardo (Víctor Pérez, min. 32), Fredy, Vergara (Óscar Pazos, min. 57) e Bulicas.


Polo Verín CF xogaron Jorge, Cote, Eloy, Xurxo, Mario, Dani Capelas (Diego Soto, min. 46), Pablo García, Luis Vilachá, Fran Martínez (Saúl Arias, min. 75), Quini Cotarelo e Miguel Rivera (Hugo, min. 60).


Arbitrou Lucía Varela, asistida nas bandas por Lucas y Casillas. Expulsou con vermella directa a Fredy, da S. At. Barbantes, e amosou cartón amarelo ós locais Rocky e Pablo, e ós visitantes Jorge, Mario, Dani Capelas e Pablo García.

CRÓNICA


Xa dende o minuto inicial viuse na Regueiriña un só equipo: o Verín CF. Os verinenses, cun once no que entraba Dani Capelas acompañando a Luis Viñachá na medular, e no que formaban parella de ataque Fran Martínez e Quini Cotarelo -escoltados en banda por Rivera e Pablo García- tomaron as riendas do partido cun xogo rápido e combinativo, con constantes movementos entre liñas e acertadas incursións por banda. Especialmente Pablo García, coa súa velocidade, foi un auténtico pesadelo para a retagarda local. Non obstante, pese ás chegadas claras á área, o gol se resistía. Iso si, tampouco a S.At. Barbantes, encomendada a Bulicas e a algunha xogada a balón parado da que sacar rédito, inquedaba a Jorge, ben protexido por Xurxo e Mario, que ocupou onte posto no centro da defensa. 


Finamente, xusto despois de teren os locais a súa mellor ocasión, a resistencia da S.At.Barbantes acabou no munuto 25, cando un centro de Eloy foi rematado de cabeza por Fran Martínez. Era o 0-1, que non foi máis que o prólogo do seguinte tanto, no minuto 30, obra de Xurxo á saída dun córner. Co partido controlado, e algunha outra clara ocasión desperdiciada polos visitantes, a colexiada quixo pór un pouco de suspense ó marcador ó pitar un dubidoso penalty de Jorge no minuto 44. Bulicas anotou dende os once metros o seu xexto gol en Liga e alimentou as esperanzas da S.At. Barbantes de remontar o partido.

Trala reanudación, con Hugo en sustitución de Miguel Rivera e Diego Soto no lugar de Dani Capelas, viuse que esa remontada non era máis que un espellismo. O Verín CF era dono do balón e fabricaba ocasións de tódalas formas e cores, pero non foi ata o minuto 72 -xa co Verín CF xogando en superioridade numérica trala expulsión por vermella directa de Fredy-, cando Quini cabeceou inapelable á rede un centro de Hugo. Cun 1-3 en contra e con dez xogadores, a S.At.Barbantes pediu a hora, pero os verinenses, en plan depredador, non tiveron piedade e nos últimos dez minutos sumaron tres novos tantos ó marcador, obra de Eloy, Quini e Pablo García para facer o definitivo 1-6, que supón a maior goleada no que vai de temporada e, aínda mellor, unha gran inxección de moral para afrontar os vindeiros desafíos.

martes, 19 de novembro de 2013

VOAN DOUS PUNTOS INESPERADOS DO ARJIZ.

Crónica VERÍN CF 0 - CD VELLE 0.
12ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).



O Verín CF deixouse dous puntos onte no Arjiz, na comprimida carreira polo ascenso. O CD Velle resistiu o asedio local, especialmente na primeira parte, e amargou contra pronóstico unha tarde que se presumía feliz, co agardado debut de Fran Martínez coa camisola verinense.

FICHA TÉCNICA


Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote (Diego Soto, min. 64), Xurxo, David Ginzo, Mario, Iago Garrido, Hugo, Pablo García (Miguel Rivera, min. 76), Fran Martínez (Eloy, min. 63), Quini Cotarelo e Adrián Iglesias.


Polo CD Velle xogaron Viana, David Dalgado, Couceiro, Óscar Iglesias, Valentín, David Gozález (Alejandro Alonso, min. 58; Borja Varela, min. 75), Marcos Álvarez (Roberto Fernández, min. 86), Diego Paz, Iago Quintas (Cristian Blanco, min. 67), Rodrigo e David Araujo.


Arbitrou Lucía Varela Valle, auxiliada por María Cid Rodríguez e J. Santiago Rodríguez Gómez. Amonestou con cartón, do Verín CF, a Pablo García, David Ginzo, Diego Soto, Eloy e Iago Garrido –expulsado por dobre amarela no min. 70-, e do CD Velle, ó seu adestrador Jorge Pato.

CRÓNICA


Voaron dous puntos do Arjiz. Iván González presentou un once moi ofensivo onde coincidían Hugo, Pablo Martínez, o debutante Fran Martínez, Quini Cotarelo e Adrián Iglesias, e os locais saíron ó campo coa mente fixa na meta do CD Velle. O equipo visitante, cos seus puntas máis preocupados por tapar as subidas dos laterais verinenses e con catro homes no mediocampo coa tarefa clara de destruir o xogo combinativo local, tentou pecharse no seu campo, pero o Verín CF foi quen de achegarse con perigo á porta de David Viana. Destacou especialmente Mario, que cun despliegue de técnica e coraxe, impuña a súa lei na banda esquerda. Seu foi o centro que no minuto 5 propiciou a primeira oportunidade de Adrián Iglesias, que Viana conseguir desbaratar, e seu foi tamén o centro que no minuto 30 recolleu Pablo García no segundo pao, pero o seu disparo a media altura atopouse novamente co inspirado gardarredes visitante. Trala única xogada de ataque de mérito do CD Velle na primeira parte, o asedio do Verín CF intensificouse nos últimos dez minutos deste periodo, con xogadas combinativas de mérito por parte dos peloteiros verinenses, pero o CD Velle sobreviviu a este arreón e chegouse ó descanso sen que a dobre ocasión de Adrián Iglesias poidera mover o marcador.


No segundo periodo, foi o CD Velle o primeiro en disfrutar dunha boa oportunidade de gol, no minuto 58, por mediación de Iago Quintas, e comezou crer que podía sacar algo positivo do Arjiz. Moveu Iván González o banquiño na procura de solucións, e entrou Eloy por Fran Martínez e Diego Soto por Cote. O Verín CF dispuxo defensa de tres coa intención de gañar a batalla do mediocampo, que estaba a ser máis equilibrada. Pero no minuto 70 os locais quedaron con dez, ó ser expulsado Iago Garrido, e as aspiracións de victoria quedaron seriamente tocadas. Aínda puido ser peor, de aproveitar o CD Velle un man a man contra Piollo, pero o fútbol non quixo ser cruel, e o partido foi diluíndose ata o silbido final da colexiada, que certificou o 0-0 final, un resultado que obriga ós verinenses a gañar en Barbantes para non perder máis comba cos primeiros clasificados.