domingo, 22 de decembro de 2013

O VERÍN ROMPE O MALEFICIO DAS EIROÁS (0-3)




Crónica AD COVADONGA 0 - VERÍN CF 3 (Iago Garrido, e Quini Cotarelo –dous-). 
17ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


Nun escenario, o campo das Eiroás, tremendamente complicado polas minimalistas dimensións do terreo de xogo, o Verín CF, nun partido moi serio, adaptouse o guion que lle esixían o campo, o partido e o rival, e gañou cun contundente 0-3 á AD Covadonga, o que lle permite pechar a primeira volta con tódalas as súas opcións de ascenso intactas.


FICHA TÉCNICA

Pola AD Covadonga xogaron Suso (Sotelo, min. 53), Jorge (Juan Carlos, min. 65), Óscar Gil, Fran Rodríguez, Mauro Outeiriño, Jhon, Mimi (Alfonso Calvo, min. 14), Zurdo Muñoz, Sanginés, Toni Carballo e Miguel Nogueira (Chanel, min. 72).

Polo Verín CF xogaron Jorge, Pablo Roca, Xurxo, David Ginzo, Mario, Iago Garrido, Padín (Diego Soto, min. 59), Luis Vilachá (Dani Capelas, min. 71), Pablo García (Eloy, min. 47), Quini Cotarelo e Fran Martínez (Cote, min. 78). 

Arbitrou Jonathan Diéguez Novoa, auxiliado nas bandas por Daniel Matías Gómez e Renny Mazaira Rodríguez. Amonestou con cartón amarelo, da AD Covadonga, a Alfonso Calvo, Mauro Outeiriño e Miguel Nogueira, e do Verín CF, a Quini, Pablo Roca, Xurxo, Eloy e Cote.

CRÓNICA

Chegaba a este partido a AD Covadonga cunhas estatísticas asombrosas, pois o equipo ourensán marcara –ata onte- tres goles de media por partido coma local. O das Eiroás é un campo curto e moi estreito, condicións que facilitan a presión e o xogo físico e directo, no que calquer balón longo é media ocasión de gol. O Verín CF adaptouse perfectamente ás circunstancias, e aparcou o fútbol de salón para vestir o mono de traballo. Daí a decisión de Iván González de contar co plus de potencia de Pablo Roca no lateral dereito, ou de Padín na medular. O inicio dos verinenses foi bo, lucindo o músculo necesario que esixía o partido, expeditivos en defensa e buscando en ataque as bandas para sorprender ó rival. As primeiras oportunidades chegaron do bando visitante, mais nun campo de tan reducidas dimensións, a AD Covadonga tamén ía ter inevitablemente as súas ocasións, e no minuto 25 tivo a mellor, tras un rexeite dun libre directo executado por Óscar Gil, que sacou Jorge con apuros cando os siareiros locais xa cantaban gol.  Despois deste susto, continuou o fútbol, bastante deslucido, mais cando xa expiraba o primeiro tempo, a bota de Luis Vilachá puxo dous balóns magníficos en dúas xogadas a balón parado case consecutivas: na primeira, un libre indirecto, Fran rematou de cabeza alto; na segunda, un córner, o testarazo de Iago Garrido perforou a meta de Suso.

Na segunda metade, a AD Covadonga tentou equilibrar a balanza, pero o seu arreón inicial non tivo froito, gracias tamén a un Jorge moi seguro nos balóns aéreos. Co paso dos minutos o equipo ourensán foi diluíndose na súa propia anarquía, e a maior calidade dos visitantes foi máis evidente. A entrada de Eloy por Pablo García (min. 47) e de Diego Soto por Padín (min. 59) deulle ó Verín CF máis control do xogo, labor no que foi fundamental tamén Quini, que daba unha clase maxistral de coma aguantar o balón na liña de tres cuartos. El e Fran Martínez fabricaron unha asociación que foi definitivamente letal para os locais: no minuto 65 unha combinación entre ambos deixou só a Quini Cotarelo ante o porteiro, a quen batiu con sangue frío. Co 0-2 a AD Covadonga, impotente, perdeu a fe nos seus propios argumentos futbolísticos, e así, no minuto 85 novamente Quini Cotarelo puxo a puntiña ós ourensáns ó subir ó marcador o definitivo 0-3, xusto premio para un equipo que conxugou nas Eiroás seriedade e eficacia, e que despide 2013 cun excelente sabor de boca.

luns, 16 de decembro de 2013

O VERÍN CF SACA TRES DIFÍCILES PUNTOS NUN EMOCIONANTE DUELO DE COLOSOS.



Crónica VERÍN CF 3 (Fran Martínez, Pablo García e Dani Capelas) – SD NOGUEIRA DE RAMUÍN 1 (Peru).
16ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


Impresionante o espectáculo visto onte no Arjiz. Os afecionados disfrutaron dun partido competido e emocionante que finalmente se resolveu a prol do Verín CF, non sen sin sufrimento, porque ós tantos de Fran Martínez e Pablo García se sobrepuxo a SD Nogueira con raza, pese a quedar con dez xogadores. Finalmente nunha contra os verinenses sentenciaron o encontro e levaron tres puntos de ouro.

FICHA TÉCNICA

Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote (Pablo Roca, min. 68), Xurxo, David Ginzo, Mario, Iago Garrido (Dani Capelas, min. 89), Luis Vilachá, Eloy (Hugo, min. 57), Pablo García, Quini Cotarelo e Fran Martínez (Diego Soto, min. 75). 

Pola SD Nogueira de Ramuín xogaron Borja, Peru, Chapi (Álvaro Selas, min. 75), Thomas Kinsella (Patas, min. 32), Oli, Bruno, Roberto (Lobo, min. 84), Guille, Cani (Petrovich, min. 66), Meleiro e Pablo Lorente.

Arbitrou Iván González Campos, auxiliado nas bandas por Iago Sumavielle Rodríguez e Jose Antonio González Fernández. Amonestou con cartón, do Verín CF, a Hugo e David Ginzo, e a Chapi, Peru e Oli. O visitante Guille foi expulsado no minuto 63 con vermella directa.

CRÓNICA

Non defraudou o partido entre dous dos mellores equipos da categoría. Saíron ámbolos dous conxuntos con moito respeto mutuo, e comezou librarse unha interesante batalla no medio do campo, que os verinenses gañaban ós puntos, especialmente gracias ó labor dun gran Iago Garrido. Mais a SD Nogueira de Ramuín, chegado o cuarto de hora de xogo, disfrutou dunha gran ocasión tras gañar o exverinense Oli –hipermotivado durante os 90 minutos- liña de fondo e pasar atrás cara Meleiro, pero o seu disparo foi sacado con apuros por Piollo. Os de Iván González repuxéronse do susto, e pouco a pouco, especialmente por banda dereita, atoparon fisuras no plantexamento visitante. No minuto 22 Quini Cotarelo tivo a primeira boa ocasión local tras un saque de falta botado por Cote, pero o seu remate foi atallado por Borja. E no 30 o Verín CF inaugurou o marcador: Pablo García serviu á área para que Fran Martínez, libre de marca, cabeceara con mestría á rede.

Co 1-0 chegouse ó descanso, e a SD Nogueira deixou en vestiarios o seu certo conservadurismo da primeira parte para comezar amosar as súas mellores cualidades futbolísticas coma equipo. O Verín CF, aínda así, non pasou por excesivos apuros, e seguro en defensa, buscou un xogo máis directo que explotara os espazos na zaga dos afiadores. No 63 Guille deixou con dez ó seu equipo, e para colmo de males para os visitantes, só dous minutos máis tarde os verinenses aproveitaron a súa superioridade numérica para facer o 2-0. Nesta ocasión intercambiáronse os papeis Pablo García e Fran Martínez, e foi o segundo quen serviu un gran balón que o primeiro enganchou cunha semivolea espectacular que levantou ós espectadores dos seus asentos. Semellaba despachado o partido, pero a SD Nogueira apretou os dentes e fixo da necesidade a súa mellor virtude. Refrescou o seu medio do campo coa entrada de Petrovic –tamén de pasado verinense- e botouse para adiante sen complexos, cunha intensidade que tivo premio no minuto 75, ó resolver Peru un barullo na área tras unha falta lateral botada por Bruno.  Sacou ó campo Iván González a Diego Soto en substitución de Fran Martínez, para fortalecer o medio do campo, mais os visitantes non cesaron no seu empeño. A tensión do último cuarto de hora foi memorable, cunha SD Nogueira  volcada, aproveitando calquer oportunidade para meter o balón na área de Piollo. Finalmente, a incerteza no marcador acabou no minuto 89 cun contrataque explosivo de Pablo García –interviu onte nos tres goles do Verín CF- que culminou a porta vacía o recén entrado Dani Capelas. Os siareiros festexaron entre xubilosos e aliviados o gol do seu equipo, que sentenciaba un partido de fútbol enorme, dos que fan verdadeira afeción.

luns, 9 de decembro de 2013

O VERÍN CF VOLVE DE VACÍO DE SAN CIBRAO.

Crónica CD POLÍGONO 3 (Pato, Diego Viana e Choupas) - VERÍN CF 1 (Fran Martínez).
15ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).
 

Caeu 3-1 o Verín CF en San Cibrao. Os homes de Iván González, tras unha boa primeira parte, acabaron claudicando ante a intensidade dun CD Polígono que tivo a fortuna do seu lado para marcar nos momentos decisivos do partido.

FICHA TÉCNICA

Polo CD Polígono xogaron Alberto Outeiriño, Saúl Quintairos, Toni Cumbrado, Choupas (Losada, min. 85), Héctor Outeiriño (Rubén Villamarín, min. 55), Pato (Ángel Pérez, min. 62), Yago González, Diego Viana (Alexander Sueiro, min. 68), Varandela (Babarro, min. 72), Hurtado e Dani Álvarez.

Polo Verín CF xogaron Jorge, Cote (Pablo Roca, min. 58), Xurxo, Luis Vilachá (Dani Capelas, min. 85), Padín (David Ginzo, min. 58), Iago Garrido, Pablo García, Mario, Hugo (Miguel Rivera, min. 68), Fran Martínez e Quini Cotarelo.

Arbitrou Gerardo García Iglesias, auxiliado por Carlos Rodríguez Fernández e Iván Gómez Míguez. Amonestou con cartón, do CD Polígono, a Paredes e a Alexander Sueiro, e do Verín CF, a Mario, Pablo García, Dani Capelas e David Ginzo. Expulsou por dobre amarela a Iván González e ó seu axudante Abel Afonso, por protestar.

Nos prolegómenos do encontro gardouse un minuto de silencio polo falecemento do avó de Luis Vilachá.

CRÓNICA

Non puido o Verín CF co CD Polígono. O equipo de Iván González xogou unha boa primeira parte, levando a iniciativa e asustando a parroquia industrial xa dende o inicio, despois de marcar Xurxo no minuto 8 de cabeza  un tanto que o colexiado anulou por fóra de xogo. Só dous minutos máis tarde, unha conducción de Pablo García ata liña de fondo foi finalizada por Fran Martínez cun taconazo de gran clase que se estrelou no pao. O CD Polígono entonouse entón, e tivo Pato unha boa oportunidade de gol, enviando por riba do longueiro de Jorge. Mais o control do xogo seguía a pertencer ós verinenses, que no minuto 27 terían outra ocasión moi clara, por mediación novamente de Fran Martínez, a quen o central Toni Cumbrado quitoulle na liña de meta outro gol cantado. Finalizou o primeiro periodo con táboas no marcador, e q quen mellor lle sentou o descanso foi ó equipo industrial, que perdeu tódolos complexos e gañou en intensidade defensiva e en intención ofensiva, tentando buscar mediante balóns longos as espaldas dos defensas verinenses. No minuto 55 caeulle un rexeite a Varandela, que disparou ben dende a frontal; acertou a despexar Jorge pero Pato remachou a gol. Poñíanse por diante os locais na súa primeira chegada da segunda parte, e sen tempo apenas para a reacción, marcaban no 59 o segundo, de penalty, tras sinalar pena máxima o colexiado ó apreciar man de Xurxo na área, que caera no chan o querer controlar o balón. Protestaron inútilmente os visitantes, e dende os once metros non perdonou Diego Viana, que puxo o 2-0 no marcador.

Co equipo noqueado con estes dous goles tan seguidos coma inesperados, tocou Iván González zafarrancho de remontada, e tras meter no campo a David Ginzo por Padín e a Pablo Roca por Cote, propuxo unha defensa de tres, adiantando a posición de Vilachá, que xogara ata ese momento coma defensa central. Non obstante, o Verín CF, que comezou notar o cansancio do partido de Copa do venres, non atopou o camiño do gol, e só puido inquedar a balón parado a un CD Polígono ben plantado no campo, moi poderoso físicamente, e que administrou con oficio a renda acadada. Finalmente, no minuto 80 Choupas culminou unha contra e puxo o 3-0 no marcador, un resultado doloroso que maquillaría Fran Martínez no 85, ó transformar un penalty de Alex Sueiro sobre Dani Capelas. 

Co 3-1 final, e co resto de marcadores da xornada, os verinenses baixan un posto na táboa clasificatoria e quedan agora a cinco puntos dos colíderes CD Arenteiro e UP Taboadela. Cobra agora unha importancia capital o vindeiro partido no Arjiz, contra un rival de campaíñas: a SD Nogueira de Ramuín.

luns, 2 de decembro de 2013

O VERÍN CF ALONXA Á UDC BARBADÁS B DA CARREIRA DO ASCENSO (3-0)



Crónica VERÍN CF 3 (Xurxo e Quini Cotarelo –dous-) – UDC BARBADÁS B 0.
14ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).



Sólido e por moitos momentos brilante, xogou onte o Verín CF un dos seus mellores partidos da temporada e impúxose claramente a unha UDC Barbadás B que perde comba no pelotón de aspirantes ó ascenso.

FICHA TÉCNICA


Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote, Xurxo, Luis Vilachá, Mario, Iago Garrido, Dani Capelas (Diego Soto, min. 46), Eloy (Padín, min. 82), Hugo (Miguel Rivera, min. 75), Quini Cotarelo e Fran Martínez (Saúl Arias, min. 80).


Pola UDC Barbadás xogaron Marcio (Lombardero, min. 87), Javi Quevedo (Calviño, min. 46), Marcos Vilachá, Sergio Nogueiras, Quintairos (Bolaño, min. 61), Rubén Cuquejo, Juan Suárez, Noel García (Juan Bello, min. 37), Jony, Josiño e Luis Outomuro (Noel Sueiro, min. 53).


Arbitrou Rubén Castro, auxiliado por Santiago Cilleiros e José Manuel Pérez Argos. Amonestou con cartón, do Verín CF, a Iago Garrido, Cote e Eloy, e da UDC Barbadás B, a Quintairos e Sergio Nogueiras.

CRÓNICA


Saltou a UDC Barbadás ó Arjiz co obxectivo de cortar dunha vez a súa mala racha –ata onte tres derrotas consecutivas tralo seu espectacular comezo de liga- mais, despois duns minutos iniciais de tanteo mutuo, foron os verinenses os que tomaron a iniciativa, especialmente por banda esquerda, na que aparecían Mario, Eloy e tamén Fran Martínez dende a súa posición de nove, logrando sempre unha superioridade que se traducía en boas aproximacións a área. Non obstante, pese as ocasións de Hugo, Quini e o propio Fran, pasaba o tempo sen que o marcador reflectise a superioridade local. No minuto 23 a UDC Barbadás B tivo unha boa oportunidade, cun tiro lonxano de Josiño, que despexou ben a córner Piollo. Mais os barbadenses, moi incómodos ante a boa presión local no centro do campo, non tiñan argumentos suficientes para contrarrestar o xogo do Verín CF, que seguiu xerando ocasións ata que no minuto 37, á saída dun córner, Xurxo, de cabeza, firmou o primeiro tanto. Coa recompensa do gol, os verinenses levantaron o pé do acelerador e chegouse ó descanso cun escueto 1-0, curto para os méritos de ámbolos dous equipos.
 

Tentou Alberto Ecay –exxogador do Verín CF, por certo- solucionar os problemas do seu equipo, e deu entrada a Calviño por Javi Quevedo, e pouco máis tarde a Sueiro por Luis Outomuro, pero a UDC Barbadás seguiu sendo demasiado plano, e pagou con creces o paso adiante que deu una segunda parte, porque Fran Martínez, con máis espazos, convertiuse nun pesadelo para os azulóns. Foi el quen, no minuto 57, puxo un gran balón interior que Quini rematou á rede. O mesmo Quini no 68 aproveitaba unha indecisión da defensa barbadense para facer o terceiro, que finiquitou o partido ante a algarabía dos siareiros locais. A partir de aí, vinte minutos plácidos que non tiveron máis historia que o retorno de Padín trala súa operación de menisco, e a retirada con molestias de Diego Soto, que entrara por Dani Capelas ó principio da segunda parte para ter minutos cos que avanzar na súa progresión física. Final do partido, e satisfacción total na afeción e nos xogadores tanto polo resultado, que deixa os verinenses a só dous puntos do ascenso directo, coma polo xogo, que invita ó maior dos optimismos