luns, 9 de setembro de 2013

O DERBI CAE DO LADO DO VERÍN CF.


Crónica CF MONTERREI CF 0 - VERÍN CF 1 (Unai).
2ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


O VERÍN CF SAE AIROSO DA LOITA.

Pouco fútbol no céspede  e moita paixón na bancada é o resume do vivido onte no campo de Rozavales. Os homes de Iván González souberon xogar o partido físico e trabado que lle plantexou o CF Monterrei, e levaron os tres puntos en disputa grazas a un golde Unai de falta directa.

FICHA TÉCNICA

Polo Verín CF xogaron Jorge, Pablo García, David Ginzo, Xurxo, Mario (Padín, min. 29), Iago Garrido, Hugo (Cote, min. 91), Quini Cotarelo, Unai (David Lopezosa, min. 58), Saúl Arias (Eloy, min. 46) e Adrián Iglesias.

Polo CF Monterrei xogaron Fabián, Pachi, Fréderic (Iago Lantes, min. 46), Tractor, Iván Teixeira, Breixo, Oguin, Iván Gas, Adán, Pedro (Carlos, min. 75) e Alexandre (Mauro, min. 65) .

Arbitrou Alberto Ruibal, asistido nas bandas por Alejandro Bernárdez e Adrián Vila. Amosou cartóns amarelos a Fréderic, Iván Teixeira, Iván Gas e Mauro (CF Monterrei) e a Pablo García, David Ginzo, Adrián Iglesias, Hugo e David Lopezosa (Verín CF).

Gran entrada no campo de Rozavales, cuns 300 espectadores que non se quixeron perder a redición dun derbi inédito dende hai vinte anos.

CRÓNICA

Foi o de onte un partido escrito baixo o típico guion dos derbis: pouco fútbol e moita loita. Saiu o Verín CF cun debuxo dun 4-1-2-3, coas novidades de Jorge na portería, Pablo García na posición de lateral dereito, Quini Cotarelo na mediapunta e o debutante Adrián Iglesias en vangarda. Foi fulgurante o inicio dos verinenses, que volcaban o xogo cara a súa banda esquerda, onde Unai encaraba sempre con perigo. Pero tras unhas primeiras ocasións fallidas do Verín CF, o CF Monterrei sacudiuse o dominio visitante e prantou cara. Unha dura batalla desatouse entón no centro do campo sen que ninguén puidese tomar verdadeiramente o control do partido. Nun campo de estreitas dimensións coma Rozavales, e con tantos xogadores na parcela central, era difícil ter unha posesión limpa, e sucedeuse un continuo rosario de pérdidas e recuperacións, en medio dun gran desplegue físico por parte dos xogadores de ámbolos dous conxuntos. Ademáis, o choque de forzas derivaba en faltas que se convertían en perigosos centro á área. Neste contexto, o CF Monterrei, máis acostumado a este xogo, buscou con intención desprazamentos longos de balón cos que sorprender a Jorge: Iván Gas dende fóra da área foi o home que con máis ahinco procurou a meta verinense, pero o gardarredes visitante, moi seguro todo o partido, non pasou por verdadeiros problemas. 
No minuto 30 –un pouco despois de ser sustituido Mario por lesión- un penalti a Quini de Frederic semellaba que ía facilitar as cousas ó Verín CF, pero o pao escupiu o disparo dende os once metros de Adrián Iglesias, polo demáis moi activo e batallador no seu debut coa camisola verinense, igual que Quini Cotarelo, dous xogadores dos que cabe esperar moitas alegrías nesta temporada. Continuou a mesma dinámica de xogo, cun xogo moi físico e trabado, con faltas que se convertían en centros á area na procura dalgún remate franco a portería. Pero foi no minuto 45 cando unha falta executada por Unai na frontal atopaba a rede, facendo inútil a estirada de Fabián. Era o 0-1, xusto antes de silbar o árbitro a fin da primeira parte.
Tralo descanso, movéronse os banquiños: no Verín CF Eloy saiu por Saúl Arias para fortalecer a medular; no CF Monterrei foi da partida Iago Lantes, na procura de maior vericalidade en ataque. Pero a intensidade dos primeros 45 minutos foi apagándose progresivamente, do mesmo xeito que se apagaba a fe do CF Monterrei en acadar un resultado positivo. O Verín CF, que perdeu profundidade trala lesión de Unai no minuto 58, xa tentou contemporizar o máis posible, satisfeito do botín acadado. Iván González desgañitábase dende o banquiño para que os seus xogadores mantivesen a intensidade defensiva, pois as deslabazadas aproximacións á área dos de Albarellos aínda puñan algo de incerteza no marcador. Pero nada foi suficiente para que os locais foran quen de empatar o partido.

Pitou o árbitro o final. O Verín CF saiu airoso dun partido complicado nun campo difícil, e suma dúas victorias nos dous primeiros partidos de liga, amosando ademáis unha boa capacidade de adaptación ás esixencias da categoría.


Ningún comentario:

Publicar un comentario