luns, 7 de outubro de 2013

O VERÍN CF DÁ UN GOLPE DE AUTORIDADE.

Crónica AT. VILARIÑO 0 - VERÍN CF 4 (Adrián Iglesias, Cote e Quini Cotarelo -2-).
6ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).

Tras seis xornadas disputadas, o Verín CF xa é lider. A contundente victoria en Vilariño por 0-4, con goles de Adrián Iglesias, Cote e Quini Cotarelo por partida dobre, nun campo de terra e de reducidas dimensións, confirma a capacidade de adaptación dos verinenses ás características da categoría e catapúltaos á primeira praza clasificatoria.

FICHA TÉCNICA

Polo Atlético Vilariño xogaron Roi, Ángel (Manu Tesouro, min. 61), Pablo Puga (Adrián Blanco, min. 55), Beni Pérez, Jorge Ramos, Álex (Dani Failde, min. 32), Poli, Rubén Domínguez, Palo, Manu Borja (Mario, min. 52) e Miguel Ángel.

Polo Verín CF xogaron Jorge, Cote, Xurxo, David Ginzo (Pablo García, min. 85), Padín, Diego Soto (Hugo, min. 46), Luis Vilachá, Mario, Eloy, Quini Cotarelo e Adrián Iglesias (Saúl Arias, min. 60).
Arbitrou Claudio Cerdeira Casas, auxiliado nas bandas por J Santiago Rodríguez Gómez e Aarón Villalonga Sancho. Amosou cartón amarelo ós locais Beni Pérez e Rubén Domínguez, e ós visitantes David Ginzo e Saúl Arias.

CRÓNICA

Saltou onte o Verín CF ó campo de Meda con novidades tácticas na aliñación. Iván González prescindiu do seu debuxo habitual con extremos e medias puntas, e apostou pola potencia no medio do campo de Diego Soto, Luis Vilachá, Mario e Eloy, e a verticalidade na zona de ataque, con dúas puntas claras, Quini Cotarelo e Adrián Iglesias. Ademáis de moi físico, o partido presumíase de ida e volta, con balóns longos sobre a área aproveitando as reducidas dimensións do terreo de xogo. Pero nese xogo directo foron os visitantes os que golpearon primeiro, nada máis arrincar o partido. No minuto 2, cando todavía moitos siareiros procuraban acomodo nas bancadas, Adrián Iglesias fixo gala da súa efectividade ó conectar coa dereita un balón raso de David Ginzo, tras unha falta botada por Cote. A loita no centro do campo provocaba faltas, que automáticamente se convertían en perigosos centros á área. Pero no balón parado o Verín CF volveu amosarse moito máis eficaz que o seu rival, coma se encargou de amosar Cote, no minuto 16, ó anotar de libre directo ante un Roi lixeiramente adiantado.

O partido tomaba non só clara cor visitante, senón que adquiría aroma de goleada. Quini Cotarelo tivo unha clara ocasión no minuto 28, tras pase de Xurxo, pero a súa vaselina sobre o gardarredes foise alta. No 37, unha combinacion entre Quini e Adrián Iglesias terminaba cun disparo duro deste que era repelido con dificultades por Roi. Mentres se cimentaba o terceiro tanto, os verinenses non pasaban apuros, e afogaban os baldíos intentos dos de Vilariño, destacando neste labor un extraordinario Xurxo e o debutante Diego Soto, que suplía co seu sentido da colocación e rigor táctico a súa longa inactividade. Só no 39 Benito asustou a Jorge, pero o porteiro verinense detivo ben en dous tempos.

Tralo descanso Hugo sustituiu a Diego Soto. Co habilidoso media punta no campo, o Verín CF terminou de desarbolar a un Atlético Vilariño que opuña unha presión menos eficaz, e que vía coma as chegadas á súa área se multiplicaban. Quini e Adrián Iglesias convertíronse nun auténtico pesadelo, e xuntos fabricaron o terceiro e o cuarto tanto, nos minutos 58 e 61. A partir dese momento sucedéronse os cambios nos dous equipos, que non cambiaron o panorama do encontro. Benito puido anotar o gol da honriña para o Atlético Vilariño no minuto 71, e Saúl Arias incrementar a conta visitante no 75, pero o marcador xa non se moveu. O último cuarto de hora foi xa mero trámite, e o colexiado certificou a que ata o de agora é a maior goleada do Verín CF, que lle permite auparse ó primeiro posto da táboa, xusto no momento no que vai recibir á UP Taboadela, actual campión da Copa Deputación, e segundo clasificado con idéntico número de puntos que os verinenses. Un auténtico partidazo no que o Verín CF deberá refrendar a excelente progresión da que está a facer gala nos últimos compromisos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario