mércores, 4 de setembro de 2013

SUFRIDA VICTORIA PARA COMEZAR

Crónica VERÍN CF 1 (Unai)- FC ANTELA 0.
1ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


        Na imaxe, Unai executando unha rabona (foto Verín CF).

CAEN OS PRIMEIROS TRES PUNTOS NO CASILLEIRO DO VERÍN CF.

Valiosísima victoria do Verín CF por 1-0 na cita inaugural do campionato de Liga. Os homes de Iván González amosaron que aínda lles falta para chegar ó nivel esperado, pero aínda así foron quen de dobregar a resistencia dun serio FC Antela que exemplificou á perfección a gran competitividade que vai existir este ano na Primeira Autonómica.

FICHA TÉCNICA


Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote (Padín, min. 68), David Ginzo, Xurxo, Mario, Iago Garrido (David Lopezosa, min.61), Luis Vilachá, Hugo, Eloy, Pablo García (Saúl Arias, min. 84) e Unai.


Polo FC Antela xogaron José Rodrigo, Iago Campelo, Alberto Rodríguez (Imad, min. 76), Marcos Meixeira, Enrique, Manu Estévez (Jaime, min. 71), Samuel, Iván Cabrera (Manuel Luis, min. 79), Fali Castro (Brais Quintas, min. 15), Ignacio Feijoo e Toni Sánchez (Dani, min. 61).


Arbitrou Juan Alberto Vázquez Martínez, asistido nas bandas por Eladio González Otero e José Manuel Pérez Argos. Amosou cartóns amarelos a Iago Garrido (Verín CF) e a Marcos Meixeira, Imad e Brais Quintas (FC Antela).


Uns 200 espectadores asistiron ó partido, xogado baixo unha intensa calor. Nos prolegómenos do encontro gardouse un minuto de silencio na memoria de Alberto Yurrita, exadestrador do Verín CF recentemente falecido.

CRÓNICA


Sumar os tres primeiros puntos era o prioritario do Verín CF, por encima de calquera outra circunstancia, e felizmente para os verinenses, cumpriuse o obxectivo. Obrigado Iván González a situar ó polivalente Eloy na dianteira debido as baixas de Fran Martínez e Quini Cotarelo, a primeira aliñación do asturiano serviu para deixar claro o que será o seu debuxo táctico preferente, un 4-3-3, cunha parella de centrais (onte Xurxo e David Ginzo) e dous laterais de querencia ofensiva (Cote e Mario); un pivote (Iago Garrido), dous mediocampistas de creación (Luis Vilachá e Hugo), uns extremos moi abertos (Pablo García e Unai) e un punta (Eloy). 


Co triste protagonismo dun lume ardendo nas laderas do monte da Pousa, non lonxe do José Arjiz, empezou levando a iniciativa o equipo local, ante un precavido FC Antela que nos primeiros compases concentrouse en protexer a súa área pechando ben os espacios e que tivo que sufrir a tempraneira lesión de Fali Castro, sustituido por Brais Quintas. Unai e Pablo García, moi dinámicos, tentaban abrir o campo na espera dalgún bo balón diagonal dende a parcela de creación, pero as aproximacións en ataque dos verinenses, tanto polo centro coma por bandas, non tiveron consecuencias. No minuto 21 foron os limianos os que quixeron amosar que non viñan de mera comparsa ó Arjiz, e Piollo tivo que esforzarse a fondo para desviar a córner un tiro de Manu Estévez tras boa internada. Os dous equipos semellaron tomarse un respiro ante a intensa calor reinante, e non houbo xogadas de especial mérito ata os minutos finais, cando Unai centrou dende liña de fondo cunha preciosa rabona sen atopar rematador, ou cando o branquinegro Samuel protagonizou unha preciosa xogada personal que culminou cun disparo que se foi alto sobre a meta verinense. Pouco máis tarde terminaba a primeira parte, sen que ningún dos dous equipos tivera feito méritos suficientes para adiantarse no marcador.
 

O descanso sentoulle ben ó equipo local, que na segunda metade gañou en intensidade de xogo. Os antelanos, menos frescos que ó principio do encontro, perdían por momentos a orde defensiva que exhibiran no primeiro periodo, e comezaron sufrir ante un Verín CF que se fixo dono do balón sen discusión, cun Luis Vilachá coma claro director de orquesta. Iván González sentou no minuto 61 ó seu mediocentro, Iago Garrido, para pór no campo un dianteiro nato, David Lopezosa, que loitou ben nas posicións de vangarda. A posesión local comezou dar os seus froitos, e Hugo avisou no minuto 63 cun gran latigazo, e finalmente foi Unai no 67 quen tras un centro dende a dereita e unha serie de rexeites na área, metía a bota para facer o 1.0. A partir de aí viuse obrigado o FC Antela a dar un paso adiante e moveu o banquiño Gonzalo Opazo, pero os branquinegros non se sentiron cómodos no papel que o partido lles esixía. A zaga local, liderada por un imperial Xurxo e na que entrara de refresco Padín por Cote, non sufriu apenas, e os locais mesmo disfrutaron dun par de contragolpes perigosos que puideron transformarse no 2-0. O último arreón dos antelanos levou non obstante o susto a grada, pero o gol de Dani no tempo de desconto foi anulado por fóra de xogo. Silbou o árbitro o final do partido. Os mecanismos da nave verinense teñen que se engrasar todavía, pero nada mellor que facelo co vento a favor que supoñen estes primeiros tres puntos da temporada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario