martes, 17 de setembro de 2013

O CD ALLARIZ SACA UN PUNTO ANTE UN MERMADO VERÍN CF.



Crónica VERÍN CF 0 - CD ALLARIZ 0.

3ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


Empate sen goles onte no José Arjiz. O Verín CF, moi mermado físicamente e escaso de efectivos, non puido cun bo CD Allariz que xogou ben as súas armas e disfrutou de boas ocasións ó contrataque. No arreón final, o Verín CF puido mesmo gañar, pero finalmente non se moveu o 0-0 inicial, que deixou relativamente satisfeitos ós dous contendentes.

FICHA TÉCNICA

Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote (Luis Vilachá, min. 46), David Ginzo, Xurxo, Eloy (Padín, min. 46), Iago Garrido, Hugo, Quini Cotarelo, Pablo García, Unai e Adrián Iglesias.

Polo CD Allariz xogaron Cote, Corbi, Bernardo, Miguel (Muñiz, min. 85), Maxi, Iván, Txoli, Coello (Rubén, min. 75), Beto (Aitor, min. 85), Paco e Sergio.

Arbitrou Coello González, asistido nas bandas por Lucía Varela e Pablo Crespo. Amosou cartóns amarelos a Padín e Vilachá (Verín CF) e aBernardo (CD Allariz).

Uns 200 espectadores asistiron ó partido. Nos prolegómenos do encontro os dous equipos fixéronlles pasillo ós rapaces do equipo infantil de fútbol sala das Escolas Deportivas Munciipais que acadaron o subcampionato de España.

CRÓNICA

Non xogou ben onte o Verín CF e mesmo acompañouno a sorte nalgúns momentos do partido, ó erraren os alaricanos ata tres claras ocasións de gol. Pero hay que salientar que o equipo de Iván González estaba moi mermado de forzas, con moitos lesionados e con xogadores que participaron, nunha mostra de gran compromiso co equipo, ó límite das súas forzas: Pablo García con gastroenterite, Unai tocado no xeonllo, Luis Vilachá non recuperado plenamente do seu esguince de nocelo…  Sexa como fora, o partido comezou cun Verín CF intenso, ante un CD Allariz algo timorato: é evidente que o Arjiz impresiona e os adversarios visitan con moito respeto a praza verinense. Adrián Iglesias, Quini e Unai puxeron a pimenta nestes primeiros minutos, pero pouco a pouco o CD Allariz quitouse de enriba a presión dun Verín CF que non acababa de sentirse cómodo no campo. No ecuador da primeira parte unha internada de Corbi acabou cun centro chut que deu no longueiro da meta de Piollo: foron os mellores minutos do CD Allariz, que gañaba claramente a partida no medio do campo. Coello no minuto 28 mandou fora por pouco dende a frontal, e no 37 foi Piollo o que, extraordinario, salvou ó seu equipo cunha espléndida parada ante Txoli, tras un rápido contragolpe. Visto que o seu equipo carecía da claridade de ideas e a frescura física para combinar rápido e con criterio, Iván González ordenou ós seus que xogaran dun modo máis directo, buscando con balóns longos a Adrián Iglesias.

Tralo descanso o técnico verinense modificou a liña defensiva, dando entrada a Padín por Cote e retrasando a Pablo García á posición de lateral diestro, e fortaleceu  a medular metendo no campo a Luis Vilachá: a súa entrada deu máis sentido ó xogo verinense que, pese a non terminar de combinar ben, si tivo máis control do balón. No minuto 58 un gran balón de Unai pola dereita habilitou a Adrián Iglesias, que enviou fóra cando a bancada xa cantaba gol. A presión do CD Allariz baixou algún enteiro e os mediocampistas verinenses, especialmente Quini Cotarelo co seu xogo entre liñas, sentíronse máis cómodos. Un par de ocasións verinenses consecutivas nos minutos 65 e 66 motivaron a reacción dende o banquiño de Alberto Tamayo, que introduciu a Rubén por Coello para recuperar a contundencia perdida. O CD Allariz regresou ó partido cunha gran ocasión de Paco, que volveu salvar Piollo. O partido avanzou cara o seu treito final cun Verín CF que empezou notar en exceso os problemas físicos dos seus xogadores. Os alaricanos, sentindo que a súa falta de pegada non lles permitía aspirar á victoria,deron o visto bo ó empate, e o Verín CF aproveitou o pasiño atrás dos alaricanos para protagonizar un arreón final que puido desnivelar o marcador, pero o final chegou cun empate que fixo xustiza ós méritos de ámbolos dous equipos.

O Verín CF acadou así un punto que dadas as circunstancias, non semella ser mal botín. Os verinenses manteñen a cero a súa meta por terceira xornada consecutiva, e, cuartos na clasificación, suman sete puntos en tres partidos. O vindeiro domingo será a S Arrabaldo quen medirá a progresión física e técnica do equipo de Iván González.

Ningún comentario:

Publicar un comentario