sábado, 8 de marzo de 2014

O VERÍN ROMPE A MALDICIÓN DO SÁBADO DE ENTROIDO

Crónica CD RAMIRÁS 0 - VERÍN CF 3. 
22ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


Foto Martiño Pinal para La Región.

O Verín CF cumpriu cos pronósticos e venceu en Santa Isabel con claridade a un bo CD Ramirás que se complica a permanencia na Primeira Autonómica.


FICHA TÉCNICA

Polo CD Ramirás xogaron Kevin, Cristian Pérez, Carlos, Carmelo (Mauro, min. 71), Sierra, Germán, Jacobo, Diome, José Luis, Iván e David (Víctor Manuel, min. 80).

Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote, Xurxo, Mario, Padín, Iago Garrido (David Lopezosa, min. 71), Diego Soto, Eloy (Capelas, min. 56), Pablo García (Pablo Roca, min. 68), Luisito e Fran Martínez.

Arbitrou Claudio Cerdeira Casas, asistido nas bandas por Daniel García Casillas e Iván Gómez Míguez. Amosou cartóns amarelos a Carlos e Cristian Pérez, do CD Ramirás, e a Eloy, do Verín CF.


CRÓNICA

Saiu con desparpaxo o CD Ramirás, tentando levar a iniciativa, mais na primeira chegada dos verinenses, no minuto 4, Fran Martínez, que cuallaría un gran partido, subiu o 0-1 nun remate cruzado, tras unha rápida combinación. O tempraneiro gol non frenou o entusiasmo dos locais, cun xogo que non refletía os seus apuros clasificatorios. Pero o Verín CF controlou ben as acometidas, na busca de asestar un golpe definitivo. Diego Soto, cun bo cabezazo tras centro de Pablo García, e Fran Martínez, nunha boa xogada individual, puideron dar ese golpe, mais o marcador permaneceu 0-1 ó chegar ó descanso.

Na segunda metade os locais, con ánimos renovados, procuraron o empate, mais o Verín CF non deu opción, volvendo marcar no minuto 56, esta vez por medio de Xurxo, de cabeza tras un centro dende a esquerda. Co 0-2, o CD Ramirás veuse definitivamente abaixo, e xa non tardou demasiado (min. 66) Luis Ossorio en subir o terceiro ó marcador, cun disparo raso, aproveitando un desborde de Fran Martínez e o posterior cabeceo ó segundo palo de Pablo García. Non tivo máis historia o partido. O Verín CF rompe a maldición de Entroido e sube ata os 50 puntos, firme no seu asalto ás prazas de ascenso.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario