luns, 24 de marzo de 2014

O VERÍN CF DESATA A SÚA ARTILLERÍA ANTE O BOADO FC



Crónica VERÍN CF 8 - BOADO FC 0. 
27ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


O Verín CF foi unha apisonadora onte no Arjiz. O Boado FC foi desarbolado dende o primeiro minuto polo xogo e a eficacia goleadora dos verinenses, que seguen metendo presión á SD Nogueira de Ramuín na loita polo ascenso.

FICHA TÉCNICA

Polo Verín CF xogaron Jorge, Cote (Dani Capelas, min. 46), Pablo Roca (Luis Vilachá, min. 46), David Ginzo (Padín, min. 59), Mario, Diego Soto, Miguel Rivera, Pablo García, Luisito (Eloy, min. 59), Quini Cotarelo e Fran Martínez (Hugo, min. 52).

Polo Boado FC xogaron Otxo, Iván Morgade (Jorge Miranda, min. 46), Bolaño (Colega, min. 65), Pisto, Iago, Pablo García, Pablo Currás, Xotas, Pek (Johny, min. 46), Vila e Iván Míguez.

Arbitrou Marcos Fernández Fernández, asistido nas bandas por Erea Nogueiras Martínez e Vanesa Abadín González. Amosou cartóns amarelos a David Ginzo, do Verín CF, e a Pek, Pisto e Pablo García, do Boado FC. 

Gardouse un minuto de silencio pola morte do expresidente Adolfo Suárez.

CRÓNICA
Saiu o Verín CF con moitas gañas, e abofé que non tardou moito en desfacer o empate a ceros inicial. Despois dun par de boas ocasións que xa anunciaban a superioridade do xogo local, foi Luisito no minuto 8 quen perforou a meta de Otxo, tras asistencia de Pablo García. Os verinenses buscaban ben as espaldas dos defensas unha e outra vez, provocando estragos na defensa limiana, que non achaba o modo de pechar os espazos. No minuto 11 invertíronse os papeis e foi Luisito quen asistiu a Pablo García, para que este fixese o segundo. O Arjiz facíaselles enorme ós de Boado, e as ocasións seguiron chegando, aínda que non foi ata o minuto 39 que David Ginzo, de cabeza á saída dun córner, fixo o terceiro, que adicou ó seu tío, recentemente falecido. Os visitantes, sabéndose derrotados de xeito tan prematuro, respiraron con alivio ó escoitar o pitido que anunciaba o descanso. 

Na segunda parte, cun marcador tan claro, Iván González optou por repartir protagonismo entre os seus xogadores, e Dani Capelas, Luis Vilachá, Padín, Eloy e Hugo entraron no campo case de xeito consecutivo. Cambiaron as pezas, mais non o panorama, e o Boado FC non puido invertir a tendencia do partido, nin frear a fame de gol de Quini Cotarelo, que xa se postula para pichichi da categoría. Marcou este no minuto 48 e no 49, pondo o 5-0. E fixo Hugo o sexto, no minuto 66. Os visitantes tiveron no minuto 75 a súa ocasión para facer o gol da honriña, pero Jorge reaccionou ben ó disparo de Vila. Despois o Verín CF sumou dous tantos máis –Quini de penalty no min. 79, e novamente Hugo de gran vaselina no 82- antes de que finalizara a agonía do Boado FC, que queda tocado na súa batalla por eludir o descenso. O Verín CF mentres tanto suma tres puntos máis, e envía con esta sonora goleada unha mensaxe clara ós seus rivais: a máquina verinense está ben engraxada e non cederá nin un ápice na súa motivación nin na súa fe por obter o premio final.

Ningún comentario:

Publicar un comentario