martes, 11 de marzo de 2014

O CD ARENTEIRO EXERCE DE LÍDER NO ARJIZ (0-1)

Crónica VERÍN CF 0 - CD ARENTEIRO 1. 
25ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV). 
 
O CD Arenteiro fixo gala do seu excelente estado de forma e levouse tres puntos importantísimos do Arjiz que o catapultan á victoria final no campionato. O seu xogo serio e práctico foi adornado por Marcos Sotelo cunha xenialidade que desequilibrou un partido que foi, en xeral, moi intenso e igualado.

FICHA TÉCNICA

Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote (David Ginzo, min. 75), Xurxo, Mario, Padín (Eloy, min. 75), Iago Garrido (Pablo Roca, min. 77), Diego Soto, Pablo García (Dani Capelas, min. 52), Luisito, Quini Cotarelo e Fran Martínez.



Polo CD Arenteiro xogaron Pachi, Carlos, Dabarca, Diego López, Lois, Álex (Omar, min. 80), Marcos Sotelo (Óscar, min. 70), Víctor Gallego, Quiroga (Manu, min. 75), Bardelas e Prada (Walter Martín, min. 67).

Arbitrou Daniel González González, asistido nas bandas por Marcos Sumavielle Rodríguez e Iago Sumavielle Rodríguez. Amosou cartóns amarelos a Mario, Luisito, Diego SOto e Pablo García (Veróin CF), e a Dabarca, Álex, Marcos Sotelo e Omar (CD Arenteiro).


CRÓNICA

Saiu o Verín CF cun once moi ofensivo, con catro homes de clara vocación atacante: Pablo García, Quini Cotarelo, Luisito e Fran Martínez. Pero os de Carballiño, con menos presión polo resultado, presentaron enseguida as súas credenciais de líder tomando o control do xogo. Os verinenses, pasado un dubitativo primeiro cuarto de hora, colléronlle finalmente a medida o partido. Desatouse entón a esperada loita de colosos entre os a priori mellores equipos da categoría, un partido intenso, cun gran derroche físico, e por momentos mesmo moi trabado. Non era fácil combinar para ningún dos dous equipos, pero o Verín CF foi crecendo no partido ata o punto de protagonizar accións de perigo sobre a meta de Pachi. Latigazos sobre todo de Fran Martínez (gol anulado por fóra de xogo no minuto 19) e de Quini Cotarelo, que no minuto 33 puido inaugurar o marcador tras excelente internada na área. Foron os mellores momentos dos locais, pero o CD Arenteiro tamén tivo cara o final deste periodo as súas opcións por medio dun par de accións de contrataque que finalmente resolveron ben entre Piollo e os centrais.

Na segunda parte o partido foi máis aberto, cun ritmo máis fluido. Pero as opcións do Verín CF sufriron un serio revés ó lesionarse no minuto 51 Pablo García, cunha escoradura de nocello que o obrigaba a deixar o partido. Comezou a dominar máis o CD Arenteiro, mais non se prevía un desenlace claro a favor de ningún dos dous equipos ata que, finalmente, no minuto 68, surxiu Marcos Sotelo coma un faro entre a néboa para conectar un zurdazo dende a frontal tras unha fantástica xogada individual. Foi un xarro de auga fría para os verinenses. Aproveitou o CD Arenteiro o shock para facerse definitivamente co control do partido, feito que non variou pese ós cambios introducidos por Iván González. Só o arreón local no tempo de desconto puxo incertidume no marcador, pero finalmente os de Miki López alzáronse cos tres puntos, ante a frustración dun Verín CF que se despide do soño da victoria no campionato e que dá un paso atrás nas súas aspiracións de ascenso. Unha derrota dolorosa que os homes de Iván González deberán dixerir o máis rápidamente posible para seguir loitando a morte nas nove xornadas que restan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario