luns, 24 de febreiro de 2014

DOUS PENALTIS EN CONTRA SENTENCIAN Ó VERÍN CF EN TABOADELA.



Crónica UP TABOADELA 3 - VERÍN CF 2. 
24ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).



Caeu no Outeiro do Miogo o Verín CF, nun partido no que puxo o fútbol, e os locais o pragmatismo dos goles. Ós verinenses só lles queda o consuelo de ter gañado o goalaverage en caso de empate final cos de Taboadela.

FICHA TÉCNICA

Pola UP Taboadela xogaron Álex, Gil, Brais (Joel, min. 87), Moure, Oliveira, Dieguito, Alfonso (Martín Losada, min. 67), Bruno (Pablo Suárez, min. 78), Jorge Menor, Diego Álvarez (Rebollo, min. 59) e Camba (Diego Fernández, min. 89).

Polo Verín CF xogaron Jorge, Pablo García, Xurxo, Mario, Padín (Pablo Roca, min. 78), Iago Garrido, Diego Soto, Eloy (David Ginzo, min. 25), Luisito, Fran Martínez e Quini Cotarelo.  

Arbitrou José Manuel Fernández Cid, auxiliado nas bandas por Abel Moure Álvarez e José Manuel Martínez Pérez. Amonestou con cartón amarelo, da UP Taboadela, a Diego Álvarez, Alfonso e Joel, e do Verín CF, a Jorge, David Ginzo e Pablo Roca.

CRÓNICA

Barría forte o vento o Outeiro do Miogo cando comezou o partido, coma unha premonición do vendaval futbolístico que viría a continuación, porque nun cuarto de hora, o marcador xa sinalaba un 2-1 para os locais. No minuto 6, o Verín CF golpeou na súa primeira aproximación por mediación de Quini Cotarelo, o conectar un disparo perfecto tras revolverse con moita calidade na frontal da área. Lastimosamente, de inmediato, no minuto 8, Dieguito empatou para a UP Taboadela tras penalti cometido por Jorge a Gil. E sen tempo a asimilar o empate, no 13 era Camba o que, tras gañarlle a partida a Xurxo, batía cun zurdazo cruzado ó gardarredes verinense, subindo o 2-1 ó marcador. 

Véndose tan pronto por debaixo no marcador, Iván González reaccionou dando entrada a David Ginzo por Eloy, para adiantar a Mario á posición de extremo esquerdo. O Verín CF conseguiu facerse dono claro do balón, tocando con criterio e levando perigo, especialmente a través de Fran Martínez, que se atopou en dúas ocasións coa gran intervención de Álex. Finalmente o premio do empate chegou no minuto 40, cando Luisito transformaba no minuto 40 un penalti por man de Alfonso.

Tras esta emocionantísima primeira parte, a UP Taboadela retrasou sen miramentos as súas posicións, tentando conter as acometidas visitantes mentres esperaba algún balón longo do que tirar proveito. O Verín CF sobou a pelota como quixo e abriu ben o campo coas incorporacións en ataque de Mario pola esquerda e Pablo García pola dereita, pero non acabou de pór en apretos a meta de Álex, ben defendido polos seus compañeiros. Finalmente, foi a UP Taboadela quen atopou petróleo nunha xogada na área verinense, ó sinalar o colexiado penalti por man nun salto de Pablo Roca, que entrara uns minutos antes por Padín. Volveu marcar Dieguito e a partir daí, os restantes intentos do Verín CF por restablecer a igualada foron estériles. Dous penaltis en contra foron demasiados como para levar un resultado positivo do Outeiro do Miogo. A única boa nova foi alomenos o feito de ter o goalaverage a favor con respecto á UP Taboadela, que favorecerá ós verinenses en caso dun empate a puntos ó final da competición. Agora só queda esquecer canto antes esta derrota e seguir adiante: o CD Ramirás agarda este sábado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario