martes, 18 de marzo de 2014

A FE LEVA Ó VERÍN CF A UNHA VALIOSÍSIMA VICTORIA EN OIRA

Crónica PONTE OURENSE CF 0 - VERÍN CF 1. 
26ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


                                                                               Foto de Jesús Regal para Faro de Vigo.

O Verín CF obtivo o sábado en Oira un triunfo agónico, pero que recompensou o seu bo xogo e a súa fe inquebrantable. A derrota ante o CD Arenteiro na xornada anterior non mermou a motivación dos verinenses, que empurraron ata o último suspiro ata obter uns merecidísmos tres puntos que poñen ó equipo na senda do ascenso.

FICHA TÉCNICA


Pola Ponte Ourense CF xogaron Rubén (Sotelo, min. 46), Viqueira, Castro, Manu Domínguez, Adrián Viana, Salgado, Chaudarcas, Iván González (Álex, min. 76), Dani Pérez (Moisés, min. 71), Joel (Xavi Roldán, min. 58) e Gabi (Eleazar, min. 81).


Polo Verín CF xogaron Jorge, Pablo Roca, David Ginzo, Xurxo, Padín, Eloy (Hugo, min. 67), Iago Garrido (Pablo García, min. 50), Diego Soto, Luisito (Cote, min. 88; Dani Capelas, min. 89), Quini Cotarelo e Fran Martínez.


Arbitrou Claudio Cerdeira Casas, asistido nas bandas por Karin Rúas Barrosa e José Manuel Da Silva Márquez. Amosou cartóns amarelos a Moisés, da Ponte Ourense CF, e a Luisito e Iago Garrido, do Verín CF. O adestrador Iván González foi expulsado no 88 por dobre amarela; o xogador pontino Eleazar con cartón vermello directo no minuto 89.

CRÓNICA


Saiu o Verín CF en Oira consciente do que se xogaba, pero non lle tremeron as pernas ós xogadores verinenses. Mais ben ó contrario: dende o primeiro minuto comezaron mandar no xogo con autoridade, combinando ben entre liñas, e utilizando un xogo directo cando o partido así o requería. Cun medio do campo que gañou en consistencia defensiva e en balance ofensivo coa entrada no once inicial de Eloy, o Verín CF anulou a unha timorata Ponte Ourense CF, que se limitou a soportar as embestidas do seu rival, agardando algunha contra afortunada. Eloy, Luisito, Quini, Fran… tiveron nos seus pés o 0-1, mais Rubén impediuno en varias intervencións de gran mérito. Os minutos pasaban, as ocasións sucedíanse, o gol resistíase. Tivo que tomarse un respiro o Verín CF de tanta intensidade no xogo, e tivo entón no minuto 40 Chaudarcas unha excelente ocasión para pór en ventaxa ó equipo pontino, pero o longueiro escupiu o seu remate dende fóra da área.


Na segunda parte o Verín CF seguiu empurrando, mais pronto (minuto 50) apostou Iván González por Pablo García para gañar profundidade en banda. Pouco máis tarde, Pablo Roca no 65 rematou de cabeza ó pao á saída dun córner. E no minuto 67, o técnico queimou as naves quitando a un mediocampista para pór no campo a Hugo, que xogou de enganche diante dun Diego Soto omnipresente que se multiplicou nos labores de contención e que mesmo se incorporou con perigo en ataque. Volveu sucederse un carrusel de ocasións, en gran medida gracias á verticalidade de Pablo García, que dinamitaba a banda esquerda pontina. No 80 un remate de Diego Soto volveu atoparse coa madeira da portería local. O gol non chegaba, mais o Verín CF non perdeu a fe, ata que finalmente, no minuto 88, un centro de Pablo Roca foi cabeceado impecablemente por Xurxo á rede. A explosión de alegría no banquiño do Verín CF foi tal que o adestrador percorreu 50 metros para celebrar o tanto no céspede cos seus xogadores. Pouco lle importou que o colexiado lle quitara o segundo cartón amarelo e o mandase a vestiarios: o ansiado gol ben pagaba a pena. A Ponte Ourense CF, con dez homes trala expulsión de Eleazar, quixo morder nun arranque de orgullo a base dun par de balóns longos, mais nin Felipe nin Moisés atinaron coa porta de Jorge: o fútbol desta volta foi finalmente xusto co equipo que máis méritos fixo para levar unha victoria, que por épica, por agónica, sabe mellor que calquera goleada. A SD Nogueira sinte xa o alento do Verín CF na súa nuca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario