domingo, 22 de decembro de 2013

O VERÍN ROMPE O MALEFICIO DAS EIROÁS (0-3)




Crónica AD COVADONGA 0 - VERÍN CF 3 (Iago Garrido, e Quini Cotarelo –dous-). 
17ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


Nun escenario, o campo das Eiroás, tremendamente complicado polas minimalistas dimensións do terreo de xogo, o Verín CF, nun partido moi serio, adaptouse o guion que lle esixían o campo, o partido e o rival, e gañou cun contundente 0-3 á AD Covadonga, o que lle permite pechar a primeira volta con tódalas as súas opcións de ascenso intactas.


FICHA TÉCNICA

Pola AD Covadonga xogaron Suso (Sotelo, min. 53), Jorge (Juan Carlos, min. 65), Óscar Gil, Fran Rodríguez, Mauro Outeiriño, Jhon, Mimi (Alfonso Calvo, min. 14), Zurdo Muñoz, Sanginés, Toni Carballo e Miguel Nogueira (Chanel, min. 72).

Polo Verín CF xogaron Jorge, Pablo Roca, Xurxo, David Ginzo, Mario, Iago Garrido, Padín (Diego Soto, min. 59), Luis Vilachá (Dani Capelas, min. 71), Pablo García (Eloy, min. 47), Quini Cotarelo e Fran Martínez (Cote, min. 78). 

Arbitrou Jonathan Diéguez Novoa, auxiliado nas bandas por Daniel Matías Gómez e Renny Mazaira Rodríguez. Amonestou con cartón amarelo, da AD Covadonga, a Alfonso Calvo, Mauro Outeiriño e Miguel Nogueira, e do Verín CF, a Quini, Pablo Roca, Xurxo, Eloy e Cote.

CRÓNICA

Chegaba a este partido a AD Covadonga cunhas estatísticas asombrosas, pois o equipo ourensán marcara –ata onte- tres goles de media por partido coma local. O das Eiroás é un campo curto e moi estreito, condicións que facilitan a presión e o xogo físico e directo, no que calquer balón longo é media ocasión de gol. O Verín CF adaptouse perfectamente ás circunstancias, e aparcou o fútbol de salón para vestir o mono de traballo. Daí a decisión de Iván González de contar co plus de potencia de Pablo Roca no lateral dereito, ou de Padín na medular. O inicio dos verinenses foi bo, lucindo o músculo necesario que esixía o partido, expeditivos en defensa e buscando en ataque as bandas para sorprender ó rival. As primeiras oportunidades chegaron do bando visitante, mais nun campo de tan reducidas dimensións, a AD Covadonga tamén ía ter inevitablemente as súas ocasións, e no minuto 25 tivo a mellor, tras un rexeite dun libre directo executado por Óscar Gil, que sacou Jorge con apuros cando os siareiros locais xa cantaban gol.  Despois deste susto, continuou o fútbol, bastante deslucido, mais cando xa expiraba o primeiro tempo, a bota de Luis Vilachá puxo dous balóns magníficos en dúas xogadas a balón parado case consecutivas: na primeira, un libre indirecto, Fran rematou de cabeza alto; na segunda, un córner, o testarazo de Iago Garrido perforou a meta de Suso.

Na segunda metade, a AD Covadonga tentou equilibrar a balanza, pero o seu arreón inicial non tivo froito, gracias tamén a un Jorge moi seguro nos balóns aéreos. Co paso dos minutos o equipo ourensán foi diluíndose na súa propia anarquía, e a maior calidade dos visitantes foi máis evidente. A entrada de Eloy por Pablo García (min. 47) e de Diego Soto por Padín (min. 59) deulle ó Verín CF máis control do xogo, labor no que foi fundamental tamén Quini, que daba unha clase maxistral de coma aguantar o balón na liña de tres cuartos. El e Fran Martínez fabricaron unha asociación que foi definitivamente letal para os locais: no minuto 65 unha combinación entre ambos deixou só a Quini Cotarelo ante o porteiro, a quen batiu con sangue frío. Co 0-2 a AD Covadonga, impotente, perdeu a fe nos seus propios argumentos futbolísticos, e así, no minuto 85 novamente Quini Cotarelo puxo a puntiña ós ourensáns ó subir ó marcador o definitivo 0-3, xusto premio para un equipo que conxugou nas Eiroás seriedade e eficacia, e que despide 2013 cun excelente sabor de boca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario