luns, 9 de decembro de 2013

O VERÍN CF VOLVE DE VACÍO DE SAN CIBRAO.

Crónica CD POLÍGONO 3 (Pato, Diego Viana e Choupas) - VERÍN CF 1 (Fran Martínez).
15ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).
 

Caeu 3-1 o Verín CF en San Cibrao. Os homes de Iván González, tras unha boa primeira parte, acabaron claudicando ante a intensidade dun CD Polígono que tivo a fortuna do seu lado para marcar nos momentos decisivos do partido.

FICHA TÉCNICA

Polo CD Polígono xogaron Alberto Outeiriño, Saúl Quintairos, Toni Cumbrado, Choupas (Losada, min. 85), Héctor Outeiriño (Rubén Villamarín, min. 55), Pato (Ángel Pérez, min. 62), Yago González, Diego Viana (Alexander Sueiro, min. 68), Varandela (Babarro, min. 72), Hurtado e Dani Álvarez.

Polo Verín CF xogaron Jorge, Cote (Pablo Roca, min. 58), Xurxo, Luis Vilachá (Dani Capelas, min. 85), Padín (David Ginzo, min. 58), Iago Garrido, Pablo García, Mario, Hugo (Miguel Rivera, min. 68), Fran Martínez e Quini Cotarelo.

Arbitrou Gerardo García Iglesias, auxiliado por Carlos Rodríguez Fernández e Iván Gómez Míguez. Amonestou con cartón, do CD Polígono, a Paredes e a Alexander Sueiro, e do Verín CF, a Mario, Pablo García, Dani Capelas e David Ginzo. Expulsou por dobre amarela a Iván González e ó seu axudante Abel Afonso, por protestar.

Nos prolegómenos do encontro gardouse un minuto de silencio polo falecemento do avó de Luis Vilachá.

CRÓNICA

Non puido o Verín CF co CD Polígono. O equipo de Iván González xogou unha boa primeira parte, levando a iniciativa e asustando a parroquia industrial xa dende o inicio, despois de marcar Xurxo no minuto 8 de cabeza  un tanto que o colexiado anulou por fóra de xogo. Só dous minutos máis tarde, unha conducción de Pablo García ata liña de fondo foi finalizada por Fran Martínez cun taconazo de gran clase que se estrelou no pao. O CD Polígono entonouse entón, e tivo Pato unha boa oportunidade de gol, enviando por riba do longueiro de Jorge. Mais o control do xogo seguía a pertencer ós verinenses, que no minuto 27 terían outra ocasión moi clara, por mediación novamente de Fran Martínez, a quen o central Toni Cumbrado quitoulle na liña de meta outro gol cantado. Finalizou o primeiro periodo con táboas no marcador, e q quen mellor lle sentou o descanso foi ó equipo industrial, que perdeu tódolos complexos e gañou en intensidade defensiva e en intención ofensiva, tentando buscar mediante balóns longos as espaldas dos defensas verinenses. No minuto 55 caeulle un rexeite a Varandela, que disparou ben dende a frontal; acertou a despexar Jorge pero Pato remachou a gol. Poñíanse por diante os locais na súa primeira chegada da segunda parte, e sen tempo apenas para a reacción, marcaban no 59 o segundo, de penalty, tras sinalar pena máxima o colexiado ó apreciar man de Xurxo na área, que caera no chan o querer controlar o balón. Protestaron inútilmente os visitantes, e dende os once metros non perdonou Diego Viana, que puxo o 2-0 no marcador.

Co equipo noqueado con estes dous goles tan seguidos coma inesperados, tocou Iván González zafarrancho de remontada, e tras meter no campo a David Ginzo por Padín e a Pablo Roca por Cote, propuxo unha defensa de tres, adiantando a posición de Vilachá, que xogara ata ese momento coma defensa central. Non obstante, o Verín CF, que comezou notar o cansancio do partido de Copa do venres, non atopou o camiño do gol, e só puido inquedar a balón parado a un CD Polígono ben plantado no campo, moi poderoso físicamente, e que administrou con oficio a renda acadada. Finalmente, no minuto 80 Choupas culminou unha contra e puxo o 3-0 no marcador, un resultado doloroso que maquillaría Fran Martínez no 85, ó transformar un penalty de Alex Sueiro sobre Dani Capelas. 

Co 3-1 final, e co resto de marcadores da xornada, os verinenses baixan un posto na táboa clasificatoria e quedan agora a cinco puntos dos colíderes CD Arenteiro e UP Taboadela. Cobra agora unha importancia capital o vindeiro partido no Arjiz, contra un rival de campaíñas: a SD Nogueira de Ramuín.

Ningún comentario:

Publicar un comentario