luns, 13 de xaneiro de 2014

UN PUNTIÑO NA LIMIA QUE SABE A POUCO.


Crónica ANTELA CF 0 - VERÍN CF 0. 
18ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).

Comezou o Verín CF o 2014 gañando un punto en Xinzo, pero perdeu unha boa oportunidade de conquerir a victoria e saltar así á zona de ascenso directo: faltou onte a clarividencia ofensiva doutras tardes e os verinenses non foron quen de superar os limianos, mesmo cando estes quedaron en inferioridade numérica.
FICHA TÉCNICA

Polo Antela CF xogaron Moreiro, Imad (Adrián Rodríguez, min. 64), Iago Campelo, Juan González (Juan Álvarez, min. 67), Samuel (Óscar Cabrera, min. 89), Brais Quintas, Iván Cabrera, Airabella, Rafa Castro (Dani Jardón, min. 79), Marcos Ferreiro e Nacho Feijoo.

Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote (David Ginzo, min. 64), Pablo Roca (Padín, min. 77), Xurxo, Mario, Iago Garrido, Dani Capelas (Diego Soto, min. 46), Eloy (Miguel Rivera, min. 64), Pablo García, David Lopezosa (Hugo, min. 46) e Quini Cotarelo. 

Arbitrou Rubén Castro Fernández, auxiliado nas bandas por Iago Sumavielle Rodríguez e Daniel Gomes Oliveira. Amonestou con cartón amarelo, do Antela CF, a Nacho Feijoo, Rafa Castro, Iván Cabrera, Samuel, Imad e Nacho Feijoo (expulsado por dobre amonestación no minuto 57), e do Verín CF, a Dani Capelas, Xurxo, Eloy e Hugo.

CRÓNICA

No primeiro partido da segunda volta, e do 2014, tardou o Verín CF en espertar do descanso navideño, e non cuallou unha boa primeira parte. O Antela CF, moi necesitado de puntos, buscou xogar as súas armas: duros en defensa, tentando deixar os menos ocos posibles, e esperando a ter algunha oportunidade nalgunha xogada aillada. Os verinenses, mermados pola baixa de Luis Vilachá e Fran Martínez, non atoparon lucidez na circulación do balón e só Quini Cotarelo, o home visitante máis incisivo durante o encontro, levou certo perigo á área de Moreiro. Finalmente, foi o Antela CF o que disfrutou da ocasión máis clara do período, no minuto 36, cando o traveseiro escupiu un disparo de Nacho Feijoo, tras desbaratar en primeira instancia Piollo unha xogada persoal de Samuel, en presumible fóra de xogo.  O empate, pódese dicir que xusto, imperou ata o descanso.

A segunda parte foi outra cousa, e xa con Diego Soto e Hugo no campo, o Verín CF fíxose claramente co control do balón. Os limianos remaban contracorrente e foron enchéndose de cartóns, ata que quedaron con dez xogadores con máis de trinta minutos para a conclusión. O Antela CF concentrouse entón en tentar manter o balón o máis lonxe posible da súa portería. O acoso verinense foi continuo, pero infructuoso. No minuto 65 tivo o gol nas botas Pablo García tras gañar Quini Cotarelo liña de fondo, mais o balón non quixo entrar na porta. No 67 cabeceou por riba do longueiro David Ginzo á saída dun córner, e no 77 e 80 foi Quini quen o tentou tamén de cabeza, sen éxito. Faltáballe ó Verín CF un chisco máis de clarividencia en ataque para marcar pero aínda tería Pablo García outra oportunidade, no tempo de desconto, de voltear o destino do partido. Pero non houbo xeito: o Verín CF volveuse de Xinzo cun punto que lle sabe a pouco, mais que de tódolos xeitos lle permite ter o ascenso a só un punto de distancia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario