luns, 2 de decembro de 2013

O VERÍN CF ALONXA Á UDC BARBADÁS B DA CARREIRA DO ASCENSO (3-0)



Crónica VERÍN CF 3 (Xurxo e Quini Cotarelo –dous-) – UDC BARBADÁS B 0.
14ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).



Sólido e por moitos momentos brilante, xogou onte o Verín CF un dos seus mellores partidos da temporada e impúxose claramente a unha UDC Barbadás B que perde comba no pelotón de aspirantes ó ascenso.

FICHA TÉCNICA


Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote, Xurxo, Luis Vilachá, Mario, Iago Garrido, Dani Capelas (Diego Soto, min. 46), Eloy (Padín, min. 82), Hugo (Miguel Rivera, min. 75), Quini Cotarelo e Fran Martínez (Saúl Arias, min. 80).


Pola UDC Barbadás xogaron Marcio (Lombardero, min. 87), Javi Quevedo (Calviño, min. 46), Marcos Vilachá, Sergio Nogueiras, Quintairos (Bolaño, min. 61), Rubén Cuquejo, Juan Suárez, Noel García (Juan Bello, min. 37), Jony, Josiño e Luis Outomuro (Noel Sueiro, min. 53).


Arbitrou Rubén Castro, auxiliado por Santiago Cilleiros e José Manuel Pérez Argos. Amonestou con cartón, do Verín CF, a Iago Garrido, Cote e Eloy, e da UDC Barbadás B, a Quintairos e Sergio Nogueiras.

CRÓNICA


Saltou a UDC Barbadás ó Arjiz co obxectivo de cortar dunha vez a súa mala racha –ata onte tres derrotas consecutivas tralo seu espectacular comezo de liga- mais, despois duns minutos iniciais de tanteo mutuo, foron os verinenses os que tomaron a iniciativa, especialmente por banda esquerda, na que aparecían Mario, Eloy e tamén Fran Martínez dende a súa posición de nove, logrando sempre unha superioridade que se traducía en boas aproximacións a área. Non obstante, pese as ocasións de Hugo, Quini e o propio Fran, pasaba o tempo sen que o marcador reflectise a superioridade local. No minuto 23 a UDC Barbadás B tivo unha boa oportunidade, cun tiro lonxano de Josiño, que despexou ben a córner Piollo. Mais os barbadenses, moi incómodos ante a boa presión local no centro do campo, non tiñan argumentos suficientes para contrarrestar o xogo do Verín CF, que seguiu xerando ocasións ata que no minuto 37, á saída dun córner, Xurxo, de cabeza, firmou o primeiro tanto. Coa recompensa do gol, os verinenses levantaron o pé do acelerador e chegouse ó descanso cun escueto 1-0, curto para os méritos de ámbolos dous equipos.
 

Tentou Alberto Ecay –exxogador do Verín CF, por certo- solucionar os problemas do seu equipo, e deu entrada a Calviño por Javi Quevedo, e pouco máis tarde a Sueiro por Luis Outomuro, pero a UDC Barbadás seguiu sendo demasiado plano, e pagou con creces o paso adiante que deu una segunda parte, porque Fran Martínez, con máis espazos, convertiuse nun pesadelo para os azulóns. Foi el quen, no minuto 57, puxo un gran balón interior que Quini rematou á rede. O mesmo Quini no 68 aproveitaba unha indecisión da defensa barbadense para facer o terceiro, que finiquitou o partido ante a algarabía dos siareiros locais. A partir de aí, vinte minutos plácidos que non tiveron máis historia que o retorno de Padín trala súa operación de menisco, e a retirada con molestias de Diego Soto, que entrara por Dani Capelas ó principio da segunda parte para ter minutos cos que avanzar na súa progresión física. Final do partido, e satisfacción total na afeción e nos xogadores tanto polo resultado, que deixa os verinenses a só dous puntos do ascenso directo, coma polo xogo, que invita ó maior dos optimismos

Ningún comentario:

Publicar un comentario