luns, 4 de novembro de 2013

O VERÍN CF REPONSE DO SUSTO INICIAL E LEVA OS TRES PUNTOS DE BOADO.

Crónica BOADO FC 1 (Adrián Conde) - VERÍN CF 2 (Iago Garrido e Hugo).
10ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).
 

Volveu o Verín CF retomar a senda das victorias, ante un Boado FC voluntarioso que se adiantou no marcador nos primeiros minutos, e que obrigou ós de Ivan González a pór toda a carne no asador para levar os tres puntos en xogo. Iago Garrido primeiro, e Hugo despois, consumaron unha remontada que lle permite ós verinenses non perder comba respecto á SD Nogueira de Ramuín, ata o de agora único equipo invicto da competición.
 
FICHA TÉCNICA

Polo Boado FC xogaron Iago Cerredelo, Barge, Colmenero, Santi Fernández, Antonio Iglesias, Camilo, Diego Pérez, Carlos Valle (Pablo Pérez, min. 64), Pablo García, Adrián Conde (Vispo, min. 49) e Iván Míguez (Manu Rodríguez, min. 80).

Polo Verín CF xogaron Jorge, Cote (Hugo, min. 27, David Lopezosa, min. 80), Xurxo, David Ginzo, Mario, Iago Garrido, Luis Vilachá, Eloy, Pablo García, Quini Cotarelo (Dani Capelas, min. 89) e Adrián Iglesias (Saúl Arias, min. 73).

Arbitrou Iván González Campos, auxiliado por Xende Martínez Vila e Alba Grande García. Amonestou, do Boado FC, a Pablo García e Santi Fernández, expulsado por doble cartón amarelo no minuto 89. Do Verín CF o colexiado amonestou a David Ginzo, David Lopezosa e Eloy.

CRÓNICA

Saltaba o Verín CF ó campo da Moreira coa idea de amosar, ante un rival teóricamente inferior, inmerso na loita por evitar o descenso, que a derrota da semana pasada no Arjiz ante a Ponte Ourense CF fora só un accidente. Pero no minuto 3, Adrián Conde encargouse de lembrar que os partidos non entenden de clasificacións, cando se fixo cun balón de costas na frontal, zafouse –non sen un chisco de fortuna- da marcaxe de Xurxo e encarou a Jorge batíndoo de disparo raso cruzado. O gol obrigaba ós verinenses a remontar, tal e coma fixeran fronte a UP Taboadela, e puxéronse á tarefa. Non foi fácil, pois os limianos dispuxéronse a defender a renda obtida contra vento e marea, buscando nalgún contrataque outro golpe de sorte que inclinara o resultado para os de casa. O ataque verinense atopouse cun muro ben disposto, e nos seguintes minutos só Adrián Iglesias á saída dun córner tivo a oportunidade de empatar. Os visitantes non daban coa tecla, e sen chegar nin sequera á media hora de partido, Iván González decidiu prescindir dun defensa, e quitou a Cote do campo para dar entrada a Hugo. Co xoven mediapunta un chisco escorado a banda, e con Quini Cotarelo xogando entre liñas na posición de dez, o Verín CF conseguiu mover o balón con máis criterio, e as ocasións non tardaron en chegar. Un disparo de Adrián Iglesias, ben rexeitado por Iago Cerredelo, foi o preludio do gol do empate, á saída dun córner, tipo de xogada da que o Verín CF está a obter un gran rendemento nos últimos partidos. Iago Garrido aproveitou a súa envergadura para elevarse por riba dos defensas e subir o 1-1 ó marcador. Parte do traballo xa estaba feito, e Quini Cotarelo quixo rematar a remontada antes do descanso, cun zurdazo dende a frontal que se foi fóra por pouco. O xogo verinense, firme, non daba mostras de ter fisuras; só no minuto 44 o Boado FC dispuxo dun bo contrataque, mais David Ginzo, inmenso na galopada, cortou o avance de Diego Pérez. Con empate chegouse ó descanso.

Nada máis iniciarse o segundo periodo, Hugo puxo a guinda á súa gran actuación cun gol extraordinario: recibiu en banda esquerda, desfíxose do defensor cun control orientado e ante o central conectou un trallazo inapelable dende o pico da área, imposible para Iago Cerredelo. Cos limianos noqueados ante o gol, deses chamados sicolóxicos, os verinenses controlaron o partido ó seu antollo, e, pese a que o Boado FC non baixou os brazos, os de Iván González xa non temeron pola victoria, e puideron aumentar a renda nos seguintes minutos, especialmente por medio de Adrián, moi voluntarioso aínda que sen sorte onte cara portería. O partido diluiuse pouco a pouco ata chegar á fin, o que non evitou unha pequena tangana que acabou coa expulsión dun xogador local. O pitido final certificou o triunfo do Verín CF, que suma así tres novos puntos na competidísima carreira polo ascenso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario