martes, 12 de novembro de 2013

O SPORTING CELANOVA RESUCITA NO PEOR MOMENTO.


Crónica SPORTING CELANOVA 2 (Rubén e Diego Fernández) - VERÍN CF 1 (Hugo).
11ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


Cumpriuse o dito de que “adestrador novo, victoria segura”, e o Sporting Celanova, notablemente mellorado respecto ós últimos partidos, derrotou 2-1 ó Verín CF, que pagou, por outra banda, a súa falta de tino cara o gol no primeiro periodo. Os verinenses perderon a oportunidade de encaramarse novamente a postos de ascenso, e perden ademáis para as vindeiras xornadas o concurso  de David Lopezosa, lesionado de gravidade no ombreiro.

FICHA TÉCNICA

Polo Sporting Celanova xogaron Adrián Dopazo, Codeso,  Domi (Ribao, min. 75), Sabucedo, Giorgio (Iván Vázquez, min. 64), Rubén, Luis Alberto, Recarey (Pedro, min. 46), David Vázquez, Teo e Adrián Parada (Diego Fernández, min. 46).

Polo Verín CF xogaron Jorge, Cote, Xurxo, David Ginzo (David Lopezosa, min. 30, Dani Capelas, min. 89), Mario, Iago Garrido, Luis Vilachá, Eloy, Pablo García, Miguel Rivera (Hugo, min. 57) e Quini Cotarelo.

Arbitrou Xende Martínez Vila, auxiliado por Luisa Fernanda Tobón Henao e Jesús Rodríguez Muiños. Amonestou con cartón amarelo, do Sporting Celanova, a Rubén , Jorge Domínguez e Sabucedo e, do Verín CF, a Luis Vilachá, Daavid Lopezosa, Quini Cotarelo, Hugo e Mario.

CRÓNICA

Resucitou o Sporting Celanova a costa do Verín CF. Os locais, dirixidos polo seu novo técnico Amancio Rodríguez, saíron moi motivados ó terreo de xogo, procurando levar o peso do partido, mais os verinenses controlaban as acometidas locais e levaban perigo nas contras, especialmente por medio de Pablo García, que trazaba continuamente perigosas diagonais dende banda dereita. No minuto 6 encarou sen éxito a Adrián Dopazo, no 11 escupiu o pao un disparo seu, e no 22 fóiselle cruzado un novo remate. O gol do Verín CF semellaba que chegaría en calquera momento, pero San Rosendo estaba por torcer o punto de mira dos de Iván González. Iso si, no minuto 30 Luis errou tamén un claro remate nunha xogada a balón parado, no que foi a mellor ocasión dos celanoveses. Nese mesmo minuto 30, Iván González fixo a súa primeira substitución (un dianteiro coma David Lopezosa en lugar dun central coma David Ginzo), reestructurando o equipo para pór no campo un home claro en punta preto de Quini Cotarelo que garantise máis resolución. Pero o Verín CF non atopou o camiño do gol, e ó descanso chegouse co 0-0 inicial.

O técnico celanovense introduciu dous cambios para afrontar o segundo periodo; coa entrada de Pedro e Diego Fernández os locais deron a mellor versión de si mesmos e, ben asentados no terreo de xogo, aproveitaron a súa primeira chegada clara da segunda parte para inaugurar o marcador, no minuto 50, por medio de Rubén. O partido torcíase para o Verín CF, e Iván González reaccionou metendo en lugar do debutante Miguel Rivera a Hugo, que precisamente marcaba no 57 o empate, tras unha internada de Pablo García. Pero foi un espellismo porque os de Celanova, cheos de confianza, ían polo partido. No 73 Rubén estrelou no longueiro un libre directo, xogada que foi preludio do segundo gol local, esta vez por mediación de Diego Fernández, tras gran acción persoal. Co 2-1, e con quince minutos por diante, o Sporting durmiu o partido, aínda que os verinenses puideron empatar de novo, de culminar David Lopezosa unha xogada fabricada entra Quini Cotarelo e Hugo. Pero foron os celanoveses os que se levaron o gato á auga, e o Verín CF atopouse, non só cunha oportunidade perdida e unha derrota inesperada, senón cunha nova lesión de longa duración, a de David Lopezosa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario