martes, 19 de novembro de 2013

VOAN DOUS PUNTOS INESPERADOS DO ARJIZ.

Crónica VERÍN CF 0 - CD VELLE 0.
12ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).



O Verín CF deixouse dous puntos onte no Arjiz, na comprimida carreira polo ascenso. O CD Velle resistiu o asedio local, especialmente na primeira parte, e amargou contra pronóstico unha tarde que se presumía feliz, co agardado debut de Fran Martínez coa camisola verinense.

FICHA TÉCNICA


Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote (Diego Soto, min. 64), Xurxo, David Ginzo, Mario, Iago Garrido, Hugo, Pablo García (Miguel Rivera, min. 76), Fran Martínez (Eloy, min. 63), Quini Cotarelo e Adrián Iglesias.


Polo CD Velle xogaron Viana, David Dalgado, Couceiro, Óscar Iglesias, Valentín, David Gozález (Alejandro Alonso, min. 58; Borja Varela, min. 75), Marcos Álvarez (Roberto Fernández, min. 86), Diego Paz, Iago Quintas (Cristian Blanco, min. 67), Rodrigo e David Araujo.


Arbitrou Lucía Varela Valle, auxiliada por María Cid Rodríguez e J. Santiago Rodríguez Gómez. Amonestou con cartón, do Verín CF, a Pablo García, David Ginzo, Diego Soto, Eloy e Iago Garrido –expulsado por dobre amarela no min. 70-, e do CD Velle, ó seu adestrador Jorge Pato.

CRÓNICA


Voaron dous puntos do Arjiz. Iván González presentou un once moi ofensivo onde coincidían Hugo, Pablo Martínez, o debutante Fran Martínez, Quini Cotarelo e Adrián Iglesias, e os locais saíron ó campo coa mente fixa na meta do CD Velle. O equipo visitante, cos seus puntas máis preocupados por tapar as subidas dos laterais verinenses e con catro homes no mediocampo coa tarefa clara de destruir o xogo combinativo local, tentou pecharse no seu campo, pero o Verín CF foi quen de achegarse con perigo á porta de David Viana. Destacou especialmente Mario, que cun despliegue de técnica e coraxe, impuña a súa lei na banda esquerda. Seu foi o centro que no minuto 5 propiciou a primeira oportunidade de Adrián Iglesias, que Viana conseguir desbaratar, e seu foi tamén o centro que no minuto 30 recolleu Pablo García no segundo pao, pero o seu disparo a media altura atopouse novamente co inspirado gardarredes visitante. Trala única xogada de ataque de mérito do CD Velle na primeira parte, o asedio do Verín CF intensificouse nos últimos dez minutos deste periodo, con xogadas combinativas de mérito por parte dos peloteiros verinenses, pero o CD Velle sobreviviu a este arreón e chegouse ó descanso sen que a dobre ocasión de Adrián Iglesias poidera mover o marcador.


No segundo periodo, foi o CD Velle o primeiro en disfrutar dunha boa oportunidade de gol, no minuto 58, por mediación de Iago Quintas, e comezou crer que podía sacar algo positivo do Arjiz. Moveu Iván González o banquiño na procura de solucións, e entrou Eloy por Fran Martínez e Diego Soto por Cote. O Verín CF dispuxo defensa de tres coa intención de gañar a batalla do mediocampo, que estaba a ser máis equilibrada. Pero no minuto 70 os locais quedaron con dez, ó ser expulsado Iago Garrido, e as aspiracións de victoria quedaron seriamente tocadas. Aínda puido ser peor, de aproveitar o CD Velle un man a man contra Piollo, pero o fútbol non quixo ser cruel, e o partido foi diluíndose ata o silbido final da colexiada, que certificou o 0-0 final, un resultado que obriga ós verinenses a gañar en Barbantes para non perder máis comba cos primeiros clasificados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario