martes, 29 de outubro de 2013

O VERÍN CF SOFRE A SÚA PRIMEIRA DERROTA

Crónica VERÍN CF 0 - PONTE OURENSE CF 2 (Dani Pérez e Antonio Campos).
9ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).

Perdeu o Verín CF a súa condición de invicto. Os verinenses foron donos e señores do balón, pero non souberon resolver os seus ataques ante unha Ponte Ourense CF que defendeu ben e que finalmente aproveitou as súas contadas chegadas á área de Piollo para levar os tres puntos. Esaxerado premio para os meritos pontinos, pero o fútbol non entende de méritos, senón de goles, e onte o Verín CF non tivo a inspiración doutras tardes para marcalos.

FICHA TÉCNICA


Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote, Xurxo, David Ginzo, Mario, Luis Vilachá (David Lopezosa, min. 84), Diego Soto (Eloy, min. 32), Hugo (Iago Garrido, min. 67), Pablo García, Quini Cotarelo e Adrián Iglesias.


Pola Ponte Ourense CF xogaron David Sotelo, Figueiredo, Ángel Castro, Espejo, Viana, Eleazar (Roldán, min. 65), Conde, Diego Vázquez, Iván González, Joel Dávila (Dani Pérez, min. 59) e Moisés (Antonio Campos, min. 46, Nogueiras, min. 89).


Arbitrou Gerardo Iglesias García, auxiliado por Miriam Pousa López e Cristina Prada Vázqez. Amonestou, do Verín CF, a Piollo, Luis Vilachá, Pablo García e Eloy, e da Ponte Ourense CF a David Sotelo, Miguel Álvarez (expulsado no min. 81 por doble cartón amarelo) e Ángel Castro.

CRÓNICA


A Ponte Ourense CF chegaba ó Arjiz con moitas baixas, e, consciente das limitacións do seu equipo, o técnico Rodríguez Vázquez non dubidou en plantexar un partido conservador, tentando defender con orde e cortocircuitar as conexións entre liñas dos verinenses. O Verín CF dispuxo de inicio, non obstante, dunha gran ocasión para adiantarse no marcador e escribir un destino diferente ó partido, pero Adrián Iglesias estrelou en Sotelo un remate seco tras pase interior de Hugo. Pronto os ánimos das bancadas se enardeceron contra o árbitro, que sinalou un libre indirecto na área verinense, lanzado sen consecuencias. Da Ponte Ourense CF xa non se soubo máis en ataque, e o Verín CF acaparou a posesión de balón, tentando buscar unha grieta na defensa dos de Oira. Xa con Eloy no campo, en sustitución de Diego Soto –con problemas nos isquiotibiais-, no último cuarto de hora deste primeiro periodo tiveron os verinenses a clarividencia necesaria para achegarse con perigo á area visitante, especialmente coas subidas de Mario por banda, pero novamente Adrián Iglesias no minuto 38 atopouse con Sotelo. Quini Cotarelo rondou o gol tamén nos minutos 41 e 43, pero chegou o descanso sen que se movese o 0-0 inicial.


Na reanudación, seguiu a mesma tónica, cun Verín CF dominante e unha Ponte Ourense CF agazapada no seu campo. Os pontinos, sen a frescura inicial, incurriron en máis faltas para deter as combinacións verinenses, e estes atoparon no balón parado unha arma para facer dano. Pero Sotelo e os seus zagueiros solventaban ben as ameazas locais. No minuto 70, o fútbol deu unha bofetada ó conxunto que máis empeño tivera posto para gañar, cando Dani Pérez aproveitou un saque de portería defectuoso para plantarse só ante Piollo e batilo de disparo cruzado. Era o 0-1, xenerosa recompensa para unha Ponte ultradefensiva, pero os visitantes beneficiáronse dos caprichos do fútbol, e unha vez que uliron o aroma da victoria, loitaron a morte para defender a renda obtida. Tocou o Verín CF zafarrancho de combate, e insistiron no asedio, máis sen éxito. Ata que nunha contra, cos verinenses volcados, os de Oira fixeron o segundo no tempo de desconto, nun gran contrataque protagonizado por Antonio Campos que sentenciou o partido.


Marcharon cariacontecidos os xogadores verinenses a vestiarios, trala súa primeira derrota, máis dolorosa se cabe ó xogar ante o seu público. Pero os verinenses conservan a súa autoestima futbolística, e aspiran a recuperar o posto de ascenso perdido onte nun mes de novembro a priori propicio, ante rivais teóricamente asequibles coma Boado FC, Sporting Celanova, CD Velle e SAt Barbantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario