luns, 14 de outubro de 2013

O VERÍN CF REMONTA ANTE UNHA GRAN UP TABOADELA.

Crónica VERÍN CF 3 (Xurxo, Padín e Adrián Iglesias) - UP TABOADELA 1 (Camba)
7ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).

Por primeira vez na Liga tivo que remontar o Verín CF un resultado adverso, ante unha UP Taboadela que xogou unha gran primeira parte, pero que con dez xogadores, trala expulsión de Jorge, xa non puido resistir o empuxe verinense nos segundos 45 minutos. Xurxo, Padín e Adrián Iglesias contrarrestaron o gol de Camba.

FICHA TÉCNICA


Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote, Xurxo, David Ginzo, Padín, Eloy, Luis Vilachá, Mario, Hugo (Saúl Arias, min. 73), Pablo García e Adrián Iglesias (Édgar, min. 89).


Pola UP Taboadela xogaron Álex, Joel, Brais (Hugo Domínguez, min. 69), Pablo, Adrián Oliveira (Diego Fernández, min. 76), Iván, Martín, Gil, Jorge, Bruno (Rodrigo, min. 87) e Camba.


Arbitrou Ramón Sánchez Pérez, auxiliado por Iván Manuel Marino Rodríguez e Gonzalo López Tapia. Moi protestado polos visitantes, amosou cartón amarelo ós verinenses Padín, Vilachá, Saúl Arias é ó delegado Toño, e ós taboadelanos Adrián, Rodrigo, Brais; Diego Álvarez, Jorge e o tecnico Juninho foron expulsados.

CRÓNICA


Saltou ó campo o Verín CF, coma en partidos anteriores, disposto a acadar cedo o primeiro tanto, e froito dese primeiro arreón tivo Adrián Iglesias no minuto 9 un man a man con Álex que non puido aproveitar o dianteiro verinense. Pero a UP Taboadela -o mellor rival que xogou no Arjiz ata o de agora- refíxose dese susto inicial e colleu o mando do partido, presionando ben e movendo o balón con moito criterio. Así as cousas, os visitantes uniron bo xogo a eficacia, ó acadar o exverinense Camba o primeiro tanto, no minuto 17, por medio dunha preciosa vaselina dende media distancia sobre Piollo. Era o primeiro tanto encaixado polo Verín CF en Liga, pero a peor nova era que os locais non daban atopado o xeito de contrarrestar o brío da UP Taboadela. No minuto 25 e 28 Gil puido facer o segundo, pero primeiro Piollo e despois o pao, impediron o segundo tanto. Perdoaron os amarelos, e de inmediato, no 29, do 0-2 pasouse ó 1-1, cun gol de cabeza inapelable de Xurxo tras córner botado por Cote. A estratexia a balón parado permitía ó Verín CF volver ó partido, do que marchou a UP Taboadela, que, con razón ou sen ela, se enredou co árbitro nunha lea de protestas que cargaron ós visitantes de cartóns e que conlevaron a expulsión do técnico Juniño e dun xogador do banquiño, no minuto 35. Con todo, a xogada clave do partido viría ó final do primeiro periodo, cando o colexiado apreciou agresión nunha acción de Jorge sobre Padín, amosándolle a este o camiño de vestiarios. A UP Taboadela quedaba con dez homes con 45 minutos aínda por xogar, e sen o concurso do pichichi da categoría.


Na segunda parte, Iván González cambiou do 4-4-2 inicial a un 4-3-3, colocando no campo un potente trivote dominador formado por Eloy, Luis Vilachá e Mario. Hugo, escorado á esquerda, sentiuse máis cómodo, e entre el, o propio Mario e Padín dende a súa posición de lateral esquerdo provocaron un auténtico descosido nas filas da UP Taboadela. As ocasións sucedéronse: no minuto 56 Mario gañou con claridade área pero o seu centro non atopou rematador; no 57 e no 58 Álex salvou consecutivamente un tiro de Hugo dende a esquerda e un remate de Adrián Iglesias a centro de Cote pola dereita. O Verín CF xogaba un fútbol avasalador ó que a UP Taboadela non podía contestar. A resistencia amarela terminou definitivamente no minuto 61, cando Padín sorprendeu a Álex cun lanzamento envelenado dende trinta metros. Era o 2-1, o gol que encarrilaba unha victoria que pronto se selaría co terceiro tanto, firmado por Adrián Iglesias por medio dun extraordinario testarazo que culminaba un non menos extraordinario centro de Cote. Levantou o pé do acelerador o Verín CF, rematada xa a faena da remontada, ata sentir o silbato do árbitro indicando a fin do partido, coa satisfacción de ver superada unha difícil pedra no seu camiño de retorno á Preferente. De momento, xa só a SD Nogueira de Ramuín resiste o seu ritmo de puntuación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario