martes, 22 de outubro de 2013

O VERÍN CF PASA CON NOTA O EXAME DO ESPIÑEDO



Crónica CD ARENTEIRO 0 - VERÍN CF 0.
8ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).



Cumpriuse a tradición recente e CD Arenteiro e Verín CF firmaron un empate sen goles. O partido tivo alternativas, pero os defensas gañaron a partida ós dianteiros. Do empate sae máis satisfeito o Verín CF, que sigue invicto en Liga e en postos de ascenso. 

FICHA TÉCNICA

Polo CD Arenteiro xogaron Perdiz, Escudero, Xosé Lois, Diego, Dabarca, Alejandro Alberto, Iago Rodríguez (Adrián Cancelas, min. 77), Víctor Gallego, Miguel Prada (Marcos Sotelo, min. 73), Alejandro González (Omar Pereira, min. 86) e Diego Quiroga (Óscar Portos, min. 88).

Polo Verín CF xogaron Jorge, Padín, Xurxo, David Ginzo, Pablo García (Saúl Arias, min. 89), Luis Vilachá, Eloy (Iago Garrido, min. 72), Hugo (Cote, min. 63), Quini Cotarelo e Adrián Iglesias.

Arbitrou Diego Fernández, do colexio pontevedrés, auxiliado por José Carlos Balsa Carajaville e Juan Antonio Martínez Castro. Amosou cartón amarelo ós carballiñeses Bello (adestrador) e Alejandro González, e ó verinense Pablo García.

CRÓNICA

O duelo entre CD Arenteiro e Verín CF, dous dos equipos con máis solera da provincia, sempre é esperado con expectación. Ademáis, había desta volta o morbo engadido de ver vestido de verde a Víctor Gallego, e de vermello a Xurxo, Adrián Iglesias e Iago Garrido, que se intercambiaron nas filas de ámbolos dous conxuntos esta temporada. Desgraciadamente, o campo do Espiñedo non soportou ben a gran cantidade de choiva caída, e desluciu o gran espectáculo futbolístico que se prevía. 

O CD Arenteiro saiu ben enchufado dende o inicio, cun extraordinario Víctor Gallego que se botaba o equipo ós ombreiros, prodigándose ben en defensa e en ataque. Acostumáronse mellor os carballiñeses ó resbaladizo céspede, taponaron ben as saídas de balón visitantes e asomáronse á área verinense con criterio, mais sen pór en verdadeiros apuros a Jorge. O Verín CF, que saía coas novidades tácticas de Pablo García no lateral dereito en lugar de Cote, Mario e Vilachá coma mediocentros, e con Eloy na mediapunta escorando a Hugo a banda esquerda, foi sacudíndose o dominio local, e nos minutos 36 e 39 Adrián Iglesias, incansable toda a tarde, rematou sen éxito dúas boas accións de balón parado. A mellor ocasión visitante viría no minuto 40, cando un balón de Hugo paseábase na área pequena de Perdiz sen atopar rematador. 

Tralo descanso, coma na primeira parte, o CD Arenteiro volveu levar a iniciativa. No minuto 51 Jorge desviou extraordinario un disparo de Prada, o xogador carballiñés máis destacado nos segundos 45 minutos. Respondeu o Verín CF no 55 cunha boa internada de Padín pola esquerda, que finalizou cun remate de Adrián Iglesias salvado in extremis por Perdiz. Á carga o CD Arenteiro, no 59 foi Jorge o que lle quitaba a Prada o balón do pé, tras un centro envenenado de Quiroga. Eran os peores momentos para o Verín CF, e Iván González deu entrada a Cote para apuntalar a defensa e adiantar a posición no campo de Pablo García. En tarefas de extremo, Pablo García deu máis profundidade por banda ós visitantes, osixenou ó equipo e o partido equilibrouse novamente. O campo, cada vez máis impracticable, xa impedía combinacións vistosas e os dous equipos optaron por un xogo máis directo. Nesas condicións, calquer erro podía significar un gol, e en consecuencia,a derrota. Pero as defensas actuaron con solvencia e nin uns nin outros atinaron nas últimas oportunidades das que disfrutaron. Deste xeito, a incerteza no marcador convertiuse paulatinamente na impresión real de que o 0-0 se mantería ata o final. Así foi: o CD Arenteiro perdía os seus primeiros puntos en casa ante un Verín CF que pasou con nota o exame do Espiñedo, e que segue en postos de ascenso directo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario