martes, 4 de febreiro de 2014

SUFRIDO TRIUNFO E VOLTA A POSTOS DE ASCENSO



Crónica VERÍN CF 2 - SD ARRABALDO 1. 
21ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).



Non xogaron o seu mellor partido os verinenses ante o colista SD Arrabaldo, e sufriron do lindo para gañar. O premio, non obstante, foi grande, pois o Verín CF, beneficiado polo resto de resultados da xornada, volve a postos de ascenso.

FICHA TÉCNICA

Polo Verín CF xogaron Piollo, Cote, David Ginzo, Mario, Padín, Iago Garrido, Diego Soto (Eloy, min. 62), Dani Capelas (Hugo, min. 70), Luisito (David Lopezosa, min. 89), Pablo García e Quini Cotarelo (Pablo Roca, min. 87). 

Pola SD Arrabaldo xogaron Hugo Lorenzo, Pereiras, Borja Sas, Adrián González, Pablo Delgado (Dani Gil, min. 73), Óscar, Gustavo, David Lago (Pablo Otero, min. 55), Jose Novoa (Arias, min. 89), Hugo González (Veleiro, min. 86) e Diego Novoa (Borja García, min. 59).                
Arbitrou Claudio Cerdeira Casas, auxiliado nas bandas por Pablo Cid Menor e David Fernández Queija. Amonestou con cartón amarelo, do Verín CF, a Padín e Mario, e da SD Arrabaldo, a Gustavo, Diego Novoa, Óscar, Pablo Otero, Borja Sas e Jose Novoa. Foron expulsados con cartón vermello directo no minuto 77 Pablo García (Verín CF) e Borja García (SD Arrabaldo) no minuto 84.

Gardouse un minuto de silencio antes do inicio do partido en memoria de Luis Aragonés.

CRÓNICA

Semellaba unha tarde plácida a que se presentaba onte no Arjiz; alomenos, non tan complicada coma finalmente sucedeu. O visitante, a modesta SD Arrabaldo, faroliño vermello da táboa, que só acadara un punto coma visitante en toda a temporada, cumpriu co seu papel e limitouse a protexer a súa portería dos ataques verinenses o mellor que puido. Pero as súas esperanzas duraron pouco, porque xa no minuto 17, despois de dous avisos de Luis Ossorio, o Verín CF adiantábase no marcador, por medio de Quini Cotarelo, un seguro de gol nesta temporada. Aínda sen a lucidez doutras tardes, os verinenses mandaban no partido e no marcador, e acumularon ocasións suficientes para pechar anticipadamente o encontro. Moi activo por banda, Pablo García rompía con facilidade a defensa e provocaba accións de perigo que non acabaron de materializarse. Dani Capelas, no minuto 26, tivo a ocasión máis clara para subir o 2-0 ó marcador, pero o seu disparo foise á cruceta.

Co 1-0 chegou o descanso, e a sensación equívoca de que o traballo estaba feito. Máis na reanudación, os verinenses contaxiáronse da falta de ritmo dos seus rivais e xogaron de xeito máis espeso, con menos velocidade nas súas accións, que convertíanse así en máis previsibles. O partido durmiuse ata que no minuto 65 o espertou de golpe Hugo González, que resolveu ben un barullo na área verinense. O empate, nunha xogada aillada, sorprendeu a propios e estranos. Abel Afonso, ó fronte do banquiño en ausencia de Iván González, introduciu no 70 a Hugo en lugar de Dani Capelas buscando máis frescura e clarividencia ofensiva. Quedaban aínda vinte minutos por diante para acadar o gol da victoria, pero as precipitacións e as dúbidas ían en aumento, e aínda se torceron máis as cousas coa expulsión de Pablo García no minuto 77, que deixaba ós verinenses en inferioridade numérica. A sombra dun empate inesperado ante o equipo último clasificado sobrevoou o Arjiz, pero foi novamente Quini Cotarelo o que apareceu no minuto 83 para cambiar o destino do partido, ó provocar un penalti que transformaba Luisito. Quedou a SD Arrabaldo con dez xogadores, e respiraron os siareiros ó volver a igualdade numérica. Mais o susto foi de órdago no tempo de desconto, cando outro barullo na área á saída dun córner acabou co balón estrelándose no poste da portería de Piollo. Puido ser o 2-2 pero o pitido do colexiado certificou a fin do partido, o triunfo do Verín CF e a volta a postos de ascenso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario