luns, 17 de febreiro de 2014

VICTORIA CÓMODA ANTE O ATLÉTICO VILARIÑO (4-0)




Crónica VERÍN CF 2 - SD ARRABALDO 1. 
23ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).



Cómodo triunfo onte do Verín CF, no “exilio” da Granxa. Os verinenses viron o camiño achandado xa nos primeiros minutos, tras un gol en propia porta dos visitantes. Ó final, Luisito, con dous tantos, e Fran Martínez, redondearon a goleada.

FICHA TÉCNICA

Polo Verín CF xogaron Piollo, Pablo Roca (Cote, min. 59), David Ginzo (Fran Martínez, min. 59), Xurxo, Padín (Diego Soto, min. 55), Iago Garrido (Dani Capelas, min. 76), Luis Vilachá, Luisito, Miguel Rivera (Mario, min. 55) e Quini Cotarelo. 

Polo Atlético Vilariño xogaron Palo, Manolito, Adrián Blanco, Puga (Dani Failde, min. 53), Prada, Miguel Ángel, Benito (Cristian Fernández, min. 70), Quique Lorenzo, Álex González, Enri (Hidalgo, min. 59) e Poli.

Arbitrou Jorge Guedella González, auxiliado nas bandas por Iago Sumavielle Rodríguez e Rubén González Rodríguez. Amonestou con cartón amarelo, do Verín CF, a Quini Cotarelo, Pablo Roca e Luisito, e do Atlético Vilariño, a Cristian Fernández.

CRÓNICA

Venceu o Verín CF nun partido sen moita historia, ante un rival, o Atlético Vilariño, que xogou co gran hándicap de non ter a ningún dos seus gardarredes na convocatoria (Palo, un central, foi o encargado de defender a portería). Con semellante dificultade, e co 0-4 sufrido en Vilariño na primeira volta na memoria, os visitantes saíron ó campo da Granxa sen ter a convicción de poder arrincar un resultado positivo. Tras un primer aviso de Miguel Rivera –onte titular-, ós seis minutos o Verín CF xa se puso por diante, mercede a un gol en propia porta de Quique Lorenzo ó tentar despexar un saque de falta. Os de Vilariño non tiveron reacción e o Verín CF, con vantaxe no marcador, tocou con comodidade, deixando que a propia inercia do xogo o levase á victoria final. No minuto 37 apareceu Luisito, que dende que regresou á competición amosa un espectacular fame de balón, para firmar o segundo gol, cun disparo duro que non blocou Palo. Co 2-0 chegouse ó descanso.

Na reanudación xogou o Verín CF o seu mellor fútbol combinativo e acumulou ocasións, a máis clara unha de Luisito ó longueiro no minuto 53. Entre o 55 e o 59 Iván González cambiou substancialmente o equipo, ó entraren a xogar Cote, Mario, Diego Soto e Fran Martínez, sen que variase en absoluto o guion do partido. No 69, cun enorme zambombazo de falta directa, Luisito fixo o terceiro. Dominaba a pracer o Verín CF, e, con todo o peixe vendido, os xogadores de ámbolos dous equipos xa pensaban na ducha en vestiarios cando Fran Martínez aproveitou unha indecisión da zaga e do gardarredes para subir o cuarto ó marcador. Pouco despois os visitantes puideron marcar o gol da honriña por medio dun tiro lonxano de Cristian Fernández, pero Piollo estirouse o necesario para evitar que o marcador se movera. Pitou o colexiado o final, e abandoaron o terreo de xogo uns e outros, o Verín CF coa satisfacción do deber cumprido, o Atlético Vilariño co alivio de non ter recibido un maior correctivo dadas as circunstancias, e a tranquilidade ó fin e ó cabo de que esta liga, a dos aspirantes ó ascenso, non é a súa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario