martes, 28 de xaneiro de 2014

EMPATE NUN PARTIDO DE ALTERNATIVAS (2-2)



Crónica CD ALLARIZ 2 - VERÍN CF 2. 
20ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).



Gran partido o de onte en Allariz, entretido e con goles. Certamente sabe a pouco o punto obtido, mais o CD Allariz, equipo moi serio, amosou tamén por qué só leva catro derrotas en liga. Con todo, por ocasións puideron gañar os verinenses, máis faltoulles un chisco de sorte para levarse o partido.

FICHA TÉCNICA

Polo CD Allariz xogaron Adrián Canal, Miguel Fernández, Bernardo (Muñiz, min. 46), Diego Barreiros, Antonio Elías, Coello (Carlos Elías, min. 61), Iván Costa (Macía, min. 85), Beto (Blanco, min. 69), Juan Gallego, Paco Arias e Sergio Fernández.

Polo Verín CF xogaron Jorge, Cote (David Ginzo, min. 73), Pablo Roca, Xurxo, Mario, Diego Soto (Dani Capelas, min. 83), Luis Vilachá, Hugo (Eloy, min. 61), Luisito, Pablo García e Quini Cotarelo. 

Arbitrou Yago Grande García, auxiliado nas bandas por José Mariano Pérez Domínguez e Erea Nogueiras Martínez. Amonestou con cartón amarelo, do CD Allariz, a Diego Barreiros, Coello, Adrián Canal, Bernardo, Tamayo, Miguel Fernández e Muñiz, e do Verín CF, a Pablo Roca.

CRÓNICA

Non estaban aparentemente nin a tarde –moi ventosa- nin o campo –moi pesado- para un gran espectáculo, pero a falta de control do xogo propiciou precisamente un partido moi aberto con moitas alternativas. Os plantexamentos voaron polos aires xa no minuto 4, cando Diego Soto tivo a mala fortuna de marcar en propia porta, tras un saque de banda á área do CD Allariz. Os verinenses foronse con decisión para adiante, e froito dunha boa presión veu unha recuperación na zona de tres cuartos de Pablo García, que se internou na área local ata ser zancadilleado. Penalti que foi executado por Luisito: era o minuto 9 e o marcador xa ía 1-1. O partido continuou con interesantes idas e voltas, das que ningún dos dous equipos sacou proveito. Nas postrimerías do primeiro periodo tivo o Verín CF a mellor ocasión, tras cabalgada por banda de Pablo García, pero o remate de Luisito escupiuno o longueiro.

Trala reanudación, o Verín CF monopolizou o xogo e protagonizou as mellores ocasións. Un córner olímpico de Cote que sacou a defensa baixo os paos, ou un remate de cabeza de Pablo García a centro de Luisito que se foi alto, constituiron o preludio do golazo de Luisito (minuto 69), unha auténtica obra de arte: o extremo controlou co peito de espaldas, e sen deixar caer o balón, disparou con chilena dende fóra da área batendo a un atónito Adrián Canal. Meteu Iván González a David Ginzo no campo para gañar contundencia defensiva, pero o CD Allariz no minuto 75 atopou petróleo nunha xogada de balón parado. Juan Gallego anticipouse a Jorge na súa saída e marcou a igualada. Non se conformou ningún dos dous equipos co 2-2, e sucedéronse uns últimos quince minutos emocionantísimos de ataques e contrataques. Tivo dúas moi boas o conxunto local: na primeira Jorge despexou de puños un gran disparo de Sergio Fernández tras gran xogada colectiva do CD Allariz, e pouco despois o gardarredes verinense tivo que volver empregarse a fondo co disparo de Paco Arias, tras xogada de estratexia en libre indirecto. E cando xa expiraba o partido, unha dobre ocasión de Dani Capelas e Luisito tras un rápido contrataque non acabou en gol de milagre, gracias ó bo facer de Adrián Canal, que salvou ó seu equipo da derrota. Ó final, o empate deixou máis felices a alaricanos que a verinenses, que si souberon remontar o tempraneiro gol local, pero que finalmente non puideron rematar a faena. O Verín CF segue, despois desta xornada, cuarto na táboa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario