luns, 20 de xaneiro de 2014

O VERÍN CF LÉVASE O DERBI (2-0)

Crónica VERÍN CF 2 - MONTERREI CF 0. 
19ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


Levouse o Verín CF o derbi do val de Monterrei. Os verinenses xogaron mellor no global do partido e fixéronse xustos acreedores do triunfo, ante un Monterrei CF que competiu ben, pero que non puido loitar contra as circunstancias adversas que se lle presentaron. 

FICHA TÉCNICA
Polo Verín CF xogaron Jorge, Pablo García (Dani Capelas, min. 83), David Ginzo, Xurxo, Mario, Iago Garrido (Eloy, min. 64), Diego Soto, Luis Vilachá (Hugo, min. 67), Luisito (David Lopezosa, min. 80), Fran Martínez (Padín, min. 76) e Quini Cotarelo. 

Polo Monterrei CF xogaron Sueiro, Tractor, Iván Teixeira, Eulogio (Ramón, min. 65), Pedro Rodríguez (Fabián, min. 61), Patxi, Carracedo (Fede, min. 80), Alexandre (Breixo, min. 13), Iago Lantes (Luis Méndez, min. 83), Seo e Iván Rodríguez.

Arbitrou Javier Carid Pérez, auxiliado nas bandas por Cristina Prada Vázquez e Daniel Gomes Oliveira. Amonestou con cartón amarelo, do Verín CF, a Iago Garrido e David Ginzo, e do Monterrei CF, a Iván Rodríguez, Iván Teixeira, Luis Fernández Ares e David Fernández Pérez. O gardarredes Opazo foi expulsado con cartón vermello directo no minuto 58.

Realizaron o saque de honra Jose Manuel Jorge e Fran Adegas, dous mozos que están a loitar por recuperarse dos seus problemas de saúde.

CRÓNICA

Intenso e con doses de polémica, non defraudou o derbi. O Verín CF fixo valer a súa condición de local levando a iniciativa dende os primeiros minutos, especialmente pola esquerda, por medio dun hipermotivado Luisito, que volvía os terreos de xogo tras cumprir a súa sanción. Tivo por certo unha notable actuación o extremo verinense, aínda que se lle notase a inactividade. O Monterrei CF sufriu o seu primeiro contratempo no minuto 13, cando Alexandre, lesionado, tivo que ser sustituido por Breixo. Merced ó seu xogo combinativo, gañaba ós puntos ó partido o Verín CF cando chegou, no minuto 22, unha das xogadas clave do encontro: disparou Luis Vilachá dende a frontal, e o rexeite foi dar a Quini Cotarelo, que en posición adiantada batiu a Sueiro. O liña levantou a bandeira, pero o colexiado interpretou que o toque do defensa habilitaba ó dianteiro verinense, e deu validez ó tanto, entre as protestas dos xogadores e siareiros visitantes. Co tempraneiro 1-0, o Monterrei CF quedou sen resposta, e o bo facer do trivote Garrido-Soto-Vilachá impúxose definitivamente na batalla do medio campo, organizando rápidas accións de ataque ás que se incorporaba con mérito Pablo García dende a súa posición de lateral dereito. No minuto 23 tivo unha gran ocasión Luisito tras pase interior de Fran Martínez, pero a súa vaselina sobre Sueiro sacouna Iván Teixeira baixo paos. Finalmente, no minuto 31, un córner botado por Luisito foi rematado inapelablemente a gol por Quini Cotarelo, que facía así o segundo da súa conta particular. Co Monterrei CF moi tocado, seguiu apretando o Verín CF, pero as ocasións sucesivas do trío de vangarda Luisito-Fran Martínez-Quini non atoparon porta.

Veulle de perlas ó descanso ó Monterrei CF, que, reorganizado e con novos ánimos, conseguiu coller os mandos do partido. No minuto 47 un balón perfecto de Seo foi cabeceado por Pedro, pero o remate foi sacado da escadra por Jorge, nunha extraordinaria estirada. O cancerbeiro verinense tivo que intervir novamente no minuto 56, ante un disparo de falta de Carracedo. Eran os mellores momentos do visitantes, que, non obstante, recibiron un xarro de auga fría ó sufrir a expulsión do seu gardarredes, nunha xogada de contrataque do Verín CF. Deslizouse polo chan Sueiro, tocou o balón coa man fóra da área, e interpretou o árbitro que a acción do porteiro cortara unha ocasión manifesta de gol, amosándolle en consecuencia cartón vermello. As protestas foron inútiles e tivo que entrar no campo Fabián, que se estrenou cunha gran parada ó libre directo de Luisito. Con inferioridade numérica, o Monterrei CF xa non puido facer fronte ó Verín CF, que nos seguintes minutos volveu mandar no xogo e tivo ocasións para ampliar o marcador. Pero entre a falta de tino dos verinenses e o acerto de Fabián e dos seus defensas, o resultado xa non se moveu. O ritmo do partido decaeu definitivamente ata o pitido final do árbitro: o Verín CF sumou tres puntos máis na súa loita polo ascenso; o Monterrei CF pola súa banda saiu do Arjiz derrotado, mais coa cabeza alta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario