luns, 19 de maio de 2014

O VERÍN RETORNA A PREFERENTE

Crónica VERÍN CF 5 (Luisito, Quini Cotarelo, Unai e Fran Martínez -dous-) - AD COVADONGA 0.  34ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


O Verín CF xa é equipo de Preferente, trala contundente victoria sobre a AD Covadonga. Saboreu mesmo o título ata o último instante, cando Bruno marcou no tempo do desconto en Velle para facer á SD Nogueira campión. Mais non foi menos a alegría: un ano despois, o ascenso devolve ó Verín CF ó mínimo sitio que por historia e afeción merece.

FICHA TÉCNICA


Polo Verín CF xogaron Piollo (Jorge, min. 77), Pablo García (Cote, min. 46), David Ginzo, Xurxo, Mario, Iago Garrido (Luis Vilachá, min. 68), Diego Soto, Hugo (Fran Martínez, min. 55), Luisito, Unai e Quini Cotarelo (Padín, min. 66).


Pola AD Covadonga xogaron Suso, Chanel, Óscar Gil, Dani (Jhon, min. 35; Miguel, min. 63), Mauro, Zurdo, Cristian, Jhony, Víctor Sotelo, Toni e Alfonso.


Arbitrou Yago Grande García, auxiliado nas bandas por Alba Grande García e Borja Medina Gavilán. Amosou cartón amarelo ós locais Cote, e ós visitantes Óscar Gil e Mauro.

CRÓNICA


Non houbo apenas espazo para os nervios onte no Arjiz: Luisito xa no minuto 9 marcou o primeiro tanto, tras perfecta asistencia de Unai, e en apenas vinte minutos, os verinenses xa ían 3-0, con dous goles máis de Quini Cotarelo e do propio Unai, culminando brillantemente unha preciosa xogada colectiva. Certo é que co 1-0 puido empatar a AD Covadonga, cun balón ó pao de Víctor Sotelo, mais o equipo ourensán, con moitas baixas, non foi rival en ningún momento para un Verín CF moi superior e moito máis motivado, que redondeou a goleada con dous tantos de Fran Martínez, xa na segunda parte. 


Co ascenso no peto, a atención se dirixía a Velle, onde a SD Nogueira non era quen de gañar. Durante máis de 80 minutos o Verín CF foi campión, mais Bruno de falta directa daba in extremis o título ó conxunto da Ribeira Sacra. Non importaba moito; a festa onte no Arjiz foi das que permanecen inalterables na memoria, cunha extraordinaria comunión entre equipo e afeción: xogadores exultantes, presidente e adestrador manteados, ante uns siareiros entregados que enchían as bancadas, vestidas de vermello, e que disfrutaron dun ascenso que devolve ó Verín CF á mínima categoría que merece, por historia e afeción.

Ningún comentario:

Publicar un comentario