luns, 5 de maio de 2014

O VERÍN CF NON DÁ TREGUA



Crónica VERÍN CF 5 - POLÍGONO SAN CIBRAO CF 0. 
32ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).



Na imaxe, Iván González e Luisito celebrando o primeiro tanto.

O Verín CF é un ciclón que arrasa ó seu paso. Onte a víctima foi un voluntarioso Polígono San Cibrao, que claudicou nunha primorosa segunda parte dos verinenses.

FICHA TÉCNICA

Polo Verín CF xogaron Piollo, Pablo Roca (David Ginzo, min. 63), Xurxo (Padín, min. 63), Mario, Iago Garrido, Luis Vilachá (Unai, min. 51), Diego Soto, Pablo García, Fran Martínez (Hugo, min. 66), Luisito e Quini Cotarelo.

Polo Polígono San Cibrao CF xogaron Héctor, Saúl Quntairos (Alejandro Díaz, min. 46), Cumbrado (Noé, min. 71), Diego Canal, Rubén Villamarín (Sueiro, min. 46), Paredes, Outeiriño, Yago, Anxo Regal, Varandela (Ángel García, min. 62) e Gustavo (Ángel Pérez, min. 64).

Arbitrou Alberto Ruibal Santos. Amosou cartón amarelo a Diego Canal (Polígono) e ó adestrador Iván González (Verín CF).

CRÓNICA

O Verín CF gústase nesta situación de extrema tensión que é a pechadísima loita polo ascenso. Dende a derrota no Arjiz 0-1 ante o CD Arenteiro, os verinenses levan sete triunfos consecutivos, nos que marcou 28 goles e recibiu somentes 3. Uns números apabullantes que son xusto reflexo do compromiso colectivo e a calidade individual deste equipo. Onte foi o Polígono San Cibrao quen caeu con outra goleada, se ben hai que dicir que o equipo industrial plantou cara durante o primeiro tempo, ben posicionado no campo, neutralizando os intentos verinenses, que non acababan de concretarse. Os visitantes deron mesmo un bo susto no minuto 28, cando Outeiriño puido adiantar ós visitantes, pero Piollo acabou rexeitando con solvencia o seu disparo. Finalmente, coma premio ó equipo que máis e mellor tentara ir pola victoria, foi Luisito no minuto 35, cun gol de falta directa marca da casa, quen desnivelou o marcador e abriu a senda do triunfo.

Tralo decanso, o Verín CF saiu disposto a sentenciar. E desta volta foi Pablo García, no minuto 54, cunha gran galopada polo carril dereito, quen fixo o 2-0, coa involuntaria colaboración dun defensa. Co tanto, as esperanzas de puntuar dos de San Cibrao esvaecéronse, e o Verín CF aproveitou o baixón anímico dos visitantes para asediar a portería rival. Pouco a pouco foron caendo os tantos. Unai amosou que volve estar en forma trala súa inactividade con dous goles, similares os dous, tras aproveitar os espazos e encarar con éxito o porteiro do Polígono, especialmente no 4-0, acadado tras unha preciosa vaselina que levantou ós siareiros das súas bancadas. Finalmente foi Quini Cotarelo –antes de ter que xogar de lateral dereito trala lesión de Pablo García no 83- quen pechou a conta goleadora con outro gol de vaselina, que fixo o quinto e definitivo. Tras este sétimo triunfo consecutivo, o Verín CF encara o difícil compromiso en Nogueira de Ramuín –penúltima xornada de Liga- no seu mellor momento de xogo, e cun ánimo inquebrantable.

Ningún comentario:

Publicar un comentario