luns, 12 de maio de 2014

AGÓNICO PUNTO QUE SABE A ASCENSO

Crónica SD NOGUEIRA DE RAMUÍN 1 (Cani) - VERÍN CF 1 (Luisito). 
33ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


Coma se o fútbol lle debese algo, onte os astros puxéronse do lado do Verín CF. Nun partido con moitos nervios e con pouco xogo, un gol de penalti cando o partido xa agonizaba permitiulle ó Verín CF igular o marcador e sacar de Nogueira de Ramuín un valiosísimo punto que pode valer un ascenso.

FICHA TÉCNICA


Pola SD Nogueira de Ramuín xogaron Borja, Lorente, Andrés, Patas, Chapi, Caniche, Meleiro, Roberto, Bruno (Chivi, min. 85), Oliveira (Petrovic, min. 86; Lobo, minuto 90) e Hugo.


Polo Verín CF xogaron Jorge, Pablo Roca (Luis Vilachá, min. 72), Padín (Unai, minuto 46), Xurxo, Mario, Iago Garrido (Eloy, minuto 89), Diego Soto, Pablo García, Luisito, Fran e Quini Cotarelo.


Arbitrou Humberto Pereira Muñoz, auxiliado nas bandas por José Daniel Rodicio González e Abraham Pérez Dapia. Amosou cartón amarelo ós locais Meleiro, Patas e Bruno, e ós visitantes Pablo García, Pablo Roca, Mario e Abel Afonso (segundo adestrador). Da SD Nogueira foron expulsados por protestar o adestrador Fran Justo e Dorribo, porteiro suplente.

CRÓNICA


Non se xogaban poucas cousas onte no campo da Tella, e, en consecuencia, o partido comezou con moito respeto mutuo. Viuse enseguida que era tarde de emocións, e non de toque e combinación, e nesas circunstancias foi a SD Nogueira o equipo que se sentiu máis cómodo. O Verín CF non acababa de carburar e non era de quen de tomar a iniciativa que o levara a pór en apuros a meta dos afiadores. Finalmente, a determinación da SD Nogueira tivo premio, e no minuto 38, Cani aproveitou un barullo tras un saque de esquina para batir a Jorge. Era o 1-0, un resultado que, acompañado do 0-0 provisional no Monterrei CF – CD Arenteiro, apartaba ós verinenses do ascenso. 


Iván González comprendeu que o equipo necesitaba un cambio agresivo, e introduciu a un dianteiro –Unai- por un defensa –Padín-. O Verín CF asumiu máis riscos, o partido abriuse máis e aumentaron as chegadas a ambas áreas. Bruno e Oli tiveron sendas ocasións para marcar o segundo, mais os verinenses tiveron máis control de balón, especialmente trala entrada de Luis Vilachá por Pablo Roca –centrocampista por defensa-, cambio no que o Verín CF puña xa toda a carne no asador. 


En Albarellos marcaba o CD Arenteiro o 0-1, e as cousas púñanse definitivamente negras para o Verín CF. Por fortuna, o Monterrei CF conseguía igualar a pouco da conclusión, e unha vez finalizado o encontro no campo de Rozavales, toda a emoción trasladábase a Luintra, onde a SD Nogueira seguía a gañar, mentres os verinenses sentían cada vez máis a presión do reloxio. Corría xa o minuto 89, xa os locais festexaban o título ligueiro, cando o Verín CF, nun último arranque de fe, mandou o balón á área local. Un barullo, unha man inoportuna, e un penalti sinalado e transformado por Luisito cambiaron o sino do partido e pode que do campionato, porque o Verín CF, por obra e gracia dese gol agónico, multiplica as súas opcións de ascenso, e pode mesmo proclamarse campión se fai os deberes ante a AD Covadonga e a SD Nogueira de Ramuín non gaña en Velle na derradeira xornada. A explosión de xúbilo visitante foi comparable só a do partido en Oira ante a Ponte Ourense CF, cando Xurxo marcou tamén de xeito agónico o gol da victoria, gol que marcou un punto de inflexión na traxectoria do equipo. Mentres os verinenses desataban a súa euforia, a frustración local desembocou en airadas protestas e dúas expulsións no banquiño: a SD Nogueira nun segundo pasaba de ter nas mans o título de Liga a complicarse o ascenso. Os derradeiros instantes do partido, dilatados pola aparatoso golpe do exverinense Petrovich nun choque fortuito, foron dunha extraordinaria tensión dentro e fóra do terreo de xogo. Por fin, pitou o árbitro para pór fin a este carrusel de emocións. O Verín CF xogarase o ascenso -e pode que o título de campión-, na casa ante os seus siareiros na xornada definitiva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario