luns, 14 de abril de 2014

O VERÍN CF CUMPRE ANTE O AT. BARBANTES (3-0) E XA TEN A TIRO O LIDERATO.


Crónica VERÍN CF 3 - AT. BARBANTES 0. 
30ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


Na imaxe, Luisito celebrando o primeiro gol.

A Primeira Autonómica ponse de infarto. Onte o Verín CF cumpriu derrotando ó Atlético Barbantes nun plácido partido, mentres, no Espiñedo, a SD Nogueira gañaba a domicilio ó CD Arenteiro. O resultado, tres equipos en dous puntos: as última catro xornadas de liga non van ser aptas para siareiros con problemas cardíacos.

FICHA TÉCNICA
 

Polo Verín CF xogaron Jorge, Pablo García, Pablo Roca, Xurxo (Padín, min. 70), Mario (David Ginzo, min. 70), Iago Garrido (Unai, min. 60), Luis Vilachá, Diego Soto (Hugo, min. 71), Luisito, Fran Martínez (Eloy, min. 65) e Quini Cotarelo.
 

Polo At. Barbantes xogaron Heri, Rocky, Jaime, Diego Viñas, Chino, Toni, Bulicas, Fredy, Alén (Samuel, min. 86), Miguel (Fleky, min. 76) e Víctor.
 

Arbitrou Jorge Guedella González, asistido nas bandas por Yago Casas Blanco e Borja Medina Gavilán.
Nos prolegómenos do partido fíxose unha homenaxe a José Manuel Ferreira, campión nacional de wu-shu.

CRÓNICA


O Atlético Barbantes, coa permanencia xa no peto, e co 1-6 do partido da primeira volta na lembranza, visitaba o Arjiz preocupado en esencia de non encaixar unha derrota severa. Foi un partido brando, como amosa o feito de que o colexiado non tivese necesidade de sacar cartón a ningún xogador. O Verín CF, obrigado a gañar, tomouse o seu tempo e foi cociñando o partido a fogo lento. Chegaban pouco a pouco as oportunidades, por medio especialmente de Luisito e Fran, pero durante a primeira media hora, a orde defensiva e o bo facer de Heri baixo paos bastoulles ós barbantinos para manter a súa porta inmaculada. Mais no minuto 34, Luisito non quixo dar motivos de preocupación ós siareiros, e marcou un golazo dende a esquerda sen ángulo apenas para o disparo, despois de varios rexeites da defensa visitante. 


O Verín CF xa tiña o partido na man, e corroborouno co 2-0, acadado no primeiro minuto do segundo tempo, nunha excelente xogada que iniciou Mario pola esquerda, e continuou logo Fran cunha gran asistencia que Luisito aproveitou para marcar o segundo da súa conta particular. Co partido asegurado, Iván González comezou as rotacións. Unai saltou ó campo no minuto 60, en medio dunha gran ovación: o retorno do dianteiro tras seis meses -aínda que lle falte un punto de forma para estar ó seu nivel-, é unha gran nova para o equipo verinense. Probou fortuna por certo o rubio nun bo disparo, mais foi Quini Cotarelo quen deu sinais de que o Verín CF ía polo gol da sentencia. Avisou no minuto 64 cun gran zurdazo que despexou Heri, e no 66 rematou de cabeza ás mallas un centro de Luisito. Era o 3-0, e a partir daí, o Verín CF velou armas, pensando xa no partido de Copa en Melias do Xoves Santo. O vindeiro domingo, de Resurrección, non haberá Liga. Os tres equipos aspirantes ó ascenso terán tempo pois de repousar e atacar o tramo final de campionato con tódalas forzas que lles queden. O CD Arenteiro é lider, pero está envolto nunha dinámica negativa –catro partidos sen gañar- que propiciou que a SD Nogueira se sitúe a un punto, e o Verín CF a tan só dous puntos. Por diante catro xornadas e doce puntos en xogo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario