luns, 7 de abril de 2014

LUISITO ILUMINA O CAMIÑO EN VELLE

Crónica CD VELLE 0 - VERÍN CF 1. 
29ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).


O Verín CF sumou o seu cuarto triunfo consecutivo, non sen sufrimento, porque o CD Velle puxo as cousas moi difíciles, especialmente na primeira parte. Finalmente Luisito, de falta directa, marcou o gol da victoria, un impresionante tanto que valeu para gañar o partido, e que pode valer un ascenso.

FICHA TÉCNICA


Polo CD Velle xogaron Carlos, Davicín, Oscarillo (Antonio Varela, min. 46), Petón (Babarro, min. 76), Soso, Casi, Borja Varela (Marcos Álvarez, min. 50), Alex Alonso (Kevin, min. 67), Cristian Blanco, Efrén e David Araújo.
 

Polo Verín CF xogaron Jorge, Pablo Roca, David Ginzo (Eloy, min. 70), Xurxo, Mario, Luis Vilachá (Iago Garrido, min. 76), Diego Soto, Pablo García, Luisito (Miguel Rivera, min. 89), Fran Martínez e Quini Cotarelo.
 

Arbitrou Juan Alberto Vázquez Martínez, asistido nas bandas por Diego Janeiro Martínez e Diego Rodríguez Iglesias. Amonestou a Marcos Álvarez e David González, do CD Velle, e a Luis Vilachá, Xurxo, Mario e Eloy, do Verín CF.

CRÓNICA


Enfrontábanse os verinenses no céspede do Monte da Aira a un dos equipos máis en forma da competición, e a primeira parte encargouse de amosalo. Luis Vilachá disfrutou da primeira oportunidade do partido, mais o CD Velle, cun xogo moi intenso e unha gran presión, facilitada polas reducidas dimensións do campo, foi quen de desarticular o xogo verinense e mesmo pór en perigo a meta de Jorge, especialmente por medio de Soso. No minuto 14, tras unha indecisión defensiva, o dianteiro rematou ó pao, e novamente o CD Velle volveuse atopar coa madeira, no minuto 22, tras un barullo na área verinense. Tivo nestes momentos o Verín CF a sorte dos gañadores, e a partir do minuto 25, o partido equilibrouse, sen que ningún dos dous equipos puidera pór en apretos ó gardarredes contrario. Iso si, no desconto do primeiro periodo houbo polémica tras unha caída de Fran Martínez na área local, mais o colexiado non a considerou pena máxima.


Na segunda parte o adestrador do CD Velle quixo dosificar o esforzo dos seus xogadores, mentres o Verín CF saía pola súa banda moito máis entonado, máis semellante ó equipo dominador das últimas semanas. Foi Luisito quen atopou con máis claridade as fisuras no entramado defensivo local, e en cinco minutos tivo tres ocasións de gol. A resposta do CD Velle só chegaba a balón parado, e segundo pasaba o tempo, tanto física coma tácticamente os verinenses amosaron máis e máis superioridade. Os ourensáns víronse obrigados a cometer máis faltas, e o Verín CF soubo sacar bo rédito delas, porque no minuto 86, Luisito coronou o seu gran partido cun extraordinario gol de libre directo dende 35 metros que se colou, con forza e colocado, pola escadra de Carlos. O Verín CF puido sentenciar por medio dun man a man de Quini Cotarelo no minuto 89, mais o 0-1 xa non se moveu do marcador. Os verinenses salvaban así unha complicadísima visita, e seguen a pór presión ós seus rivais directos, que, atención, xogan entre si a vindeira xornada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario