luns, 31 de marzo de 2014

O VERÍN CF REPITE GOLEADA ANTE O SPORTING CELANOVA (7-0)



Crónica VERÍN CF 7 - SPORTING CELANOVA 0. 
28ª xornada de Liga da Primeira Autonómica Galega (grupo IV).



O Verín CF persegue o ascenso coma un lobo famélico. Onte tampouco tivo piedade do Sporting Celanova, a quen endosou outra goleada, esta vez favorecida polo feito de que os celanovenses quedaran en inferioridade numérica dende o minuto 32 da primeira parte. Os verinenses xa están a un punto da SD Nogueira de Ramuín.

FICHA TÉCNICA

Polo Verín CF xogaron Piollo (Jorge, min. 75), Pablo García, Xurxo (Cote, min. 55), Mario (Eloy, min. 52), Padín (Pablo Roca, min. 46), Iago Garrido (Hugo, min. 46), Diego Soto, Luis Vilachá, Luisito, Fran Martínez e Quini Cotarelos.

Polo Sporting Celanova xogaron Ismael, Iván Domínguez (Codeso, min. 75), Abelardo, Fabio (Gastón, min. 38), Jorge Domínguez (Diego Fernández, min. 46), Cacheiro (Viso, min. 33), Rubén Pérez (Germán, min. 50), Luis Alberto, David Vázquez, Teo e Lucas Nieto.

Arbitrou Adrián Dacal Rodríguez, asistido nas bandas por Alba Grande García e Vanesa Abadín González. Amosou cartóns amarelos a Padín, do Verín CF, e do Sporting Celanova a Iván Domínguez, Jorge Domínguez e Abelardo, expulsado con vermella directa no minuto 32 da primeira parte.

CRÓNICA

Chegaba o Sporting Celanova ó Arjiz para probar se a goleada da semana pasada sobre o Boado FC fora un accidente, ou o verdadeiro reflexo dun equipo que está a alcanzar neste treito de temporada a súa mellor forma física e mental. O Sporting, coidadoso en non dar a máis mínima facilidade, saiu moi ben plantado, e os verinenses tiveron dificultades para superar o entramado defensivo visitante. Con todo, Luisito en dúas accións deu mostras de perigo, o mesmo que Quini Cotarelo, cun remate de cabeza a centro de Pablo García. No minuto 26, finalmente, apareceu a calidade de Fran Martínez para desnivelar o choque e pór en ventaxa ó Verín CF, cun gran disparo dende o borde da área que superou a Ismael. Poñíaselles custa arriba o partido ó Sporting, e moito máis cando no minuto 32 o árbitro viu man de Lucas Nieto nunha acción na área; o xogador viu cartón vermello directo, Luisito encargouse da pena máxima e non errou. 

Despois, xa houbo un antes e un despois trala xogada do penalti: co 2-0 e un home menos, o Sporting Celanova veuse derrotado, e perdeu toda orde defensiva. Neste contexto, os homes de Iván González uliron sangue, e en menos de dez minutos subiron outros dos goles ó marcador, por medio de Quini Cotarelo, a centro de Pablo García (min. 35) e Diego Soto tras gran xogada colectiva (min. 42). O partido marchou ó descanso cun demoledor 4-0 no marcador, que invitou a Iván González a introducir cambios na segunda parte (entraron Pablo Roca, Hugo, Eloy e Cote) para repartir minutos e protagonismo entre os seus xogadores. Mais non cesou o instinto depredador dos verinenses, que anotaron outras tres dianas neste periodo, por medio de Quini Cotarelo (min. 48), Pablo Roca (min. 67) e Fran Martínez (min. 89), ata pór o definitivo 7-0 no marcador. O Verín CF definitivamente asusta, e tras esta xornada a súa presa está máis cerca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario